Silleda, 21 de xaneiro de 2019.- O Salón Motor Ocasión Galicia volve a escoller a Feira Internacional de Galicia ABANCA para celebrar unha nova edición, a cal terá lugar do 16 ao 19 de marzo.
Esta segunda cita do certame ponse en marcha, segundo o seu director, Rudesindo Alonso, como resultado da “gran acollida que tivo o ano pasado tanto no que se refire á participación de expositores como ao número de visitantes”. Un éxito no que o organizador do certame tamén destaca o feito de que o dos vehículos de ocasión sexa “un sector en auxe”, o que garante ademais que esta nova edición sexa “un gran escaparate con propostas para todo tipo de clientes”
O salón estará centrado na venda de vehículos de ocasión a través dunha exposición sobre a que Alonso subliña que “volverá a contar cunha amplísima oferta de turismos e potenciará respecto á pasada cita as caravanas, motocicletas e bicicletas”. Ocupará os dous pavillóns principais do recinto, situándose no número 1 os turismos e no 2 tanto turismos como o resto de vehículos.
Entre as empresas presentes haberá gran representación tanto de compra-venda como de concesionarios. Mostrarán vehículos de todos os prezos e de todas as marcas e modelos, con excelentes garantías e condicións, xa que a maioría de firmas presentan descontos exclusivos durante feira.
Como complemento á exposición o Motor Ocasión contará con distintas actividades que se están a xestionar por parte da empresa organizadora do certame, Sac Events.
Posibilidade de crecemento en exterioresO II Salón Motor Ocasión Galicia súmase aos eventos deste ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA polos seus bos resultados na pasada edición, os cales o director da entidade feiral, Ricardo Durán, cualifica de “espectaculares” e nos que considera que influíron de forma importante as magníficas condicións coas que conta o recinto. Unhas características que para Durán incluso dan a un certame como este, con gran necesidade de espazo, a “posibilidade de crecemento en exteriores”.
Esta incorporación ao calendario 2019 contribúe a que a dirección da Fundación Semana Verde conte con boas perspectivas para igualar a cifra de eventos de 2018 no recinto, a cal supuxo un récord ao rexistrar 25 citas ao longo do ano.