Silleda, 19.9.2017.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 13 ao 15 de outubro a Flash Market! Galicia. Será a primeira edición dunha feira que supón unha proposta diferente de compras para o consumidor, poñendo á súa disposición nun único espazo as mellores marcas nacionais e internacionais en moda, complementos, deporte, urban, street wear, perfumes, infantil, fogar ou gastronomía.
Esta cita, organizada por unha empresa externa, trátase dun evento multisectorial para todos os públicos e idades que reúne unha ampla selección de tendas Pop-up e comercialización flash onde marcas, tendas e portais online estarán presentes durante tres días nunha contorna ideada especialmente para iso.
Será así unha cita imprescindible para os amantes das compras e dos artigos de primeiras marcas.
Ademais dunha gran área expositiva, Flash Market! Galicia contará cunha zona de lecer para toda a familia e outra gastronómica, na que se poderá escoller entre unha gran cantidade de produtos. Así mesmo, contará con servizo de gardería, onde os máis pequenos poderán entreterse con xogos e animacións.
Sorteo de 1.000 euros
Outro atractivo de Flash Market! Galicia será o sorteo dun bono de 1.000 euros para gastar nos expositores participantes, o cal se realizará entre todos os visitantes que acudan desde o venres día 13 de outubro ata o domingo 15 ás 14.00 horas, cando se celebrará o sorteo e se anunciará o gañador.