- CONTARÁ CON 15 PARTICIPANTES DE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
- O SEU OBXECTIVO É COMPROBAR QUE OS EXEMPLARES ASISTENTES REÚNEN AS CUALIDADES MÍNIMAS IMPRESCINDIBLES PARA A CAZA, SERVINDO TAMÉN PARA VERIFICAR A SÚA TRANSMISIÓN XENÉTICA
Silleda, 21 de outubro de 2015.-A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá o vindeiro domingo, 25 de outubro, a I Proba de Aptitudes Naturais – P.A.N Retriever, a cal contará coa participación de 15 cans desta raza procedentes de distintos puntos de Galicia.
Organizada pola Sociedade Canina Galega, ten como obxectivo comprobar que os exemplares asistentes reúnen as cualidades mínimas imprescindibles que todo can de caza debe posuír, servindo tamén para verificar a súa transmisión xenética. Trátase de constatar a súa aptitude para a caza, non o grao de adestramento nin o estilo.
Poderán participar exemplares de raza Retriever maiores de sete meses e consistirá nun “cobro en frío en terra”, outro “en frío en auga” e en poñer aos animais en presenza dunha peza de caza. O xuíz será Manuel Mera Rancaño, presidente da Sociedade Canina Galega.
No cobro en terra lanzarase unha peza de caza recentemente morta á vista do condutor e do can, a unha distancia duns 20 metros, tendo este último que recuperala e levala xunto ao condutor, xa sexa espontaneamente ou tras unha orde. En auga o proceso será o mesmo, pero empregarase como señuelo un dummy (saquiño de tela forte recheo de serraduras, trapos ou plumas cunha densidade parecida a unha peza de caza).
Respecto á posta en presenza da caza, colocarase o can a “bo vento”, ante unha perdiz viva, oculta nun terreo fácil e a pouca distancia, debendo constatar o xuíz que o can ten iniciativa de busca, que a localiza co nariz e que non manifesta medo ou sorpresa ao encontrala.
Segundo os resultados da proba, ao remate da mesma os donos dos exemplares participantes serán informados sobre a aptitude destes para a caza.
Esta proba, que se desenvolverá no ring verde do recinto e no seu lago, súmase ás moitas actividades centradas nos cans e na caza que teñen lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA, de forma independente ou no marco de certames como a Abanca Semana Verde e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca), e que responden ás numerosas posibilidades que ofrece o recinto debido á súa gran diversidade de espazos.