Nace SEDEXPO, un salón de Seguridade, Defensa e Emerxencias que a Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará do 17 ao 19 de novembro de 2022

Silleda, 3 de marzo de 2021.- A  Feira Internacional de Galicia ABANCA incorpora ao seu calendario un novo evento, a I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias,  SEDEXPO. Na súa organización, a entidade feiral conta cun comité reitor do que forman parte a Asociación de Directivos de Seguridad Integral (ADSI), a Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridad Privada (ANPASP), a Asociación Internacional de Miembros de Cuerpos de Seguridad y Emergencias (AIMCSE) e o consultor e asesor de seguridade e defensa D. Luis Martínez  Gavilán.

Este novo evento, que terá lugar do 17 ao 19 de novembro de 2022, converterase na primeira cita a nivel nacional que reúna de forma destacada aos principais axentes de cada un destes tres ámbitos tan diferentes pero á vez tan sinérxicos e imprescindibles para garantir benestar e protección social.

Será un interesante escaparate para toda a súa industria e as súas entidades de referencia, vitais para a sociedade e que tamén contan cun marcado carácter estratéxico, xa que xeran un importante retorno económico e fomentan un alto volume tanto de emprego cualificado como de innovación tecnolóxica.

Así mesmo, contará cun completo programa de actividades que incluirá xornadas técnicas, exhibicións, simulacros, talleres formativos e entrega de distincións. Ademais, será protagonista da feira o recentemente constituído Foro Internacional de la Mujer en Seguridad, Defensa y Emergencias, unha iniciativa que nace vinculada ao certame co obxectivo común de impulsar e promover a conciencia e a cultura de seguridade e defensa, revalorizando ao mesmo tempo o papel e a capacidade que a muller ten nestes ámbitos.

No certame haberá unha nutrida representación público/privada que poña de manifesto a colaboración constante e os numerosos nexos de unión entre organismos como as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Forzas Armadas, Unidade Militar de Emerxencias (UME), unidades de defensa  NBQR (Nuclear, Bacteriolóxica, Química e Radiolóxica), Protección Civil, bombeiros ou sanitarios e as empresas privadas, o mundo académico de cada ámbito e as principais asociacións e colectivos destes tres sectores presentes. Mostrarase ademais equipamento e sistemas de seguridade pública e privada, vehículos, equipos de protección individual, tecnoloxía aplicada, ferramentas de ciberseguridade, solucións de prevención de riscos laborais, equipos de emerxencias, sistemas de iluminación e sinalización, dispositivos de detección e extinción de incendios, robótica, aeronáutica, simulación, armas e municións e servizos de consultoría e enxeñería, así como a oferta formativa no ámbito privado e da Administración en cada área.

Novos sectores

Co deseño deste certame, a  Feira Internacional de Galicia ABANCA incorpora novos sectores ao seu calendario e mostra unha vez máis a súa capacidade para diversificar a súa actividade, o cal se foi facendo patente nos últimos anos coa creación de eventos de distintos ámbitos. Ademais, faino nun momento no que a pesar de que a situación actual derivada do COVID-19 obrigou a aprazar algúns certames, a entidade feiral ten seguido traballando intensamente na atracción e desenvolvemento de novos proxectos.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas