Equina celebra entre o 21 e o 23 de xuño unha nova edición con interesantes novidades

Silleda, 27 de maio de 2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 21 ao 23 de xuño unha nova edición de Equina, evento ecuestre que conta nesta ocasión con interesantes novidades no seu programa.

Esta cita, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega), terá como eixo central a celebración do V Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal se desenvolverá durante os tres días. Unha proba morfofuncional na que se valorará tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, e sobre a que o presidente de Accega, Manuel Benavides, destaca que “nesta edición mellora o nivel”, xa que si ben se situaba como o quinto maior concurso de alta competición nacional na súa modalidade, este ano, e á espera de que se pechen as inscricións, “estará entre os catro primeiros postos en canto a participación”. Unha posición que, indica, é froito dun “intenso traballo por para parte da Asociación e o imprescindible apoio da Fundación Semana Verde”

Unha alta concorrencia na que se rexistrarán exemplares procedentes de distintos puntos de España, moitos deles pertencentes a criadores de renome que, segundo o presidente de Accega, o converterán en “referente a nivel nacional”. Así mesmo, as súas cifras de participación volverán outorgarlle unha catalogación que permite que sexa clasificatorio para a final do Campionato do Mundo, a cal será en Sevilla no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB) entre o 19 e o 24 de novembro.

O concurso será emitido de novo en directo a través da web da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), entidade que volverá a estar presente cun stand promocional. Así mesmo, o sábado celebrarase unha cea na que se entregarán distincións a diversos gandeiros e persoas vencelladas ao mundo da pura raza española. Este ano cambiará o seu lugar de celebración e, por segunda vez na traxectoria do concurso, será no recinto, podendo participar quen o desexe, previo pago da entrada na secretaría de Equina.

Enganches e novo trofeo de doma clásica

Ademais do V Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2019 acollerá ao longo do sábado 22 de xuño dúas competicións de doma clásica que atraerán a binomios (cabalo e xinete ou amazona) galegos e tamén doutros puntos de España. Serán a  XXI Copa Accega e, como novidade, o I Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica.

Por outra banda, o domingo pola mañá levarase a cabo un concurso clasificatorio para a Copa Galega de Enganches, organizada pola Federación Galega de Enganches. Unha actividade que volverá a Equina tras un ano sen celebrarse e que o fará aumentando considerablemente o seu número de participantes, os cales competirán nas modalidades Infantil, Veteranos, Sulky, Troncos, Limonera e Maratón. Así mesmo, estase estudiando a posibilidade de que antes da competición partes dos participantes percorran o casco urbano de Silleda para que os veciños podan observalos.

Unha cita para todo tipo de público

Equina, que xa comezará a súa actividade o día 20 de xuño coa recepción oficial de exemplares e as inspeccións veterinarias, supón, segundo Benavides un “compromiso co mundo do cabalo, os seus criadores e todos os afeccionados”, por iso a entrada seguirá sendo gratuíta e o evento tamén “se involucrará cos peregrinos a cabalo que durante os seus días de celebración pasen pola zona”, ofrecéndolles “unha atención especial”. Un aspecto sobre o que destaca que dende Accega estanse a preparar accións para futuras edicións de Equina de cara ao Xacobeo 2021.

Este evento converterá así ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA nun espazo de referencia para o mundo do cabalo, algo que para Ricardo Durán, director do recinto, é “un eco da propia feira Abanca Semana Verde de Galicia, onde o ámbito ecuestre ten dende sempre unha gran importancia, tamén este ano”. Un evento, Equina, que ademais considera unha interesante oportunidade “non só para ver o espectáculo, senón para achegarse a estes animais, falar cos seus criadores e coñecer este mundo”, polo que anima a asistir a todo tipo de público, no só a profesionais.


 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal