A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pecha 2020 cunha asistencia de 34.976 reses tras celebrar dez sesións menos debido á pandemia

Silleda, 21 de decembro de 2020.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España e que celebrou hoxe a última sesión do ano, pechou 2020 cunha asistencia de 34.976 reses e unha facturación de 12.724.699€. Unhas cifras fortemente marcadas polo peche do mercado durante as primeiras semanas da pandemia para garantir a seguridade, o que supuxo a celebración de dez sesións menos este ano, e tamén polas consecuencias desta crise da Covid-19 en restauración e hostalería, o que afectou ao mercado da carne.

Así, enmarcadas nesta situación, as cifras da Central situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 24,13% menos de animais, xa que en 2019 concorreran 46.100 reses nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros. En canto á facturación, en 2020 rexistrou un 30% menos, xa que o ano pasado ascendera a 18.199.272€.

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 24.043 reses, un 22,29% menos que en 2019, cando foran 30.938 animais, mentres que as súas transaccións foron 4.240.525€, un 29,44% menos, xa que o ano pasado foran 6.010.152€. En canto aos seus prezos medios, os becerros cruzados foron os que experimentaron unha maior baixada, do 13,69% (pasando de 292€/unidade en 2019 a 252 en 2020), debido tanto ao temor dos  cebadoiros galegos á menor venda en xeral pola crise da COVID-19 como ás perspectivas da subida do prezo do penso o próximo ano. En frisóns, a caída do prezo medio, aínda que do 11,11% (reduciuse de 90€ a 80 €/unidade), foi menor porque se segue exportando ao Magreb unha importante cantidade de animal vivo (prefiren realizar o sacrificio alí segundo o rito halal), que é transportado en barcos que saen de portos cataláns e andaluces. Pola súa banda, os becerros rubios descenderon soamente un 3,7% (de 345€ a 332€/unidade), xa que a calidade destes exemplares foi valorada nesta situación de crise e supúxolles unha vantaxe fronte ás outras razas para non baixar excesivamente o seu prezo medio.

En canto ao vacún maior, rexistráronse durante 2020 un total de 7.060 exemplares, un 28,6% menos que en 2019, cando fosen 9.888. A súa facturación foi un 30,56% menor, ao pasar de 8.313.009€ a 5.772.236€ este ano. Descensos importantes debido a que é a categoría que máis se destina a hostalería. Isto supuxo que os compradores estivesen pagando menos porque boa parte desta carne non se podía vender á restauración polos peches e restricións na mesma debido á COVID-19 e conxelábase, coa consecuente redución de peso das pezas. Á súa vez isto provocou que os gandeiros retivesen e sigan retendo nas súas explotacións aquelas reses que aínda poidan aguantar por idade, en espera en moitos casos de que se resolva esta situación, o que influíu na asistencia. Por categorías, a Extra incluso experimentaron unha subida no seu prezo medio, aumentando un 0,89% (de 1.780€/unidade a 1.796€), e a Primeira mantense nos 1.091€ do ano pasado, mentres que na Segunda e Desfeito descendeu, respectivamente, un 0,96% (de 722€/unidade a 715€) e un 1,09% (de 456€/unidade a 451€). Estas cotizaciones nas mellores categorías foron motivadas en parte pola incorporación á Central de novos matadoiros que buscan neste mercado animais de calidade polos que están dispostos a pagar prezos elevados, mentres que non houbo movementos nos que traballan con reses de calidades inferiores. Neste sentido, alcanzouse un récord histórico no prezo pagado por un exemplar. Foi o día 28 de xaneiro, cando un boi de raza rubia galega que aínda non cumprira os cinco anos foi comprado por 6.781,5€, superando o récord anterior, que se situaba nos 6.006€ pago en 2015 por outro boi da mesma raza.

Respecto a os becerros carniceiros, a súa asistencia descendeu un 26,56%, ao rexistrar este ano 3.873 animais fronte aos 5.274 de 2019. Tamén o fixo a súa facturación que dos 3.876.111€ do ano pasado reduciuse aos 2.711.938€ deste, o cal supón un 30% menos. Por categorías, os frisóns, con pouca presenza na Central e que por tanto inflúen pouco na media conxunta dos becerros cebados, rexistraron unha baixada notable, debido á súa pouca demanda pola súa menor calidade para o consumo, sendo este descenso do 18,4% (de 440€/unidade a 359€). Pola súa banda os rubios e cruces, que teñen maior demanda e atopan na Central un bo nivel de compradores, descenderon soamente un 1,14% no primeiro caso (de 874€/unidade a 864€) e un 4,58% no segundo (de 807€/unidade a 770). Nesta liña, mesmo antes do comezo da pandemia, o 7 de xaneiro rexistrouse o terceiro mellor prezo medio da categoría na historia da Central, o cal se situou en 899,16€, sendo a mellor marca os 918,80€ acadados no mes de xuño do ano pasado.

Poxas desde o móbil

A Central realizou este ano un importante esforzo na implantación de novas tecnoloxías para facilitar e axilizar o proceso de poxas. Así, no mes de maio estableceuse un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes teñan que acudir ao recinto, substituíndo as poxas cantadas habituais pola difusión a través da web e a aplicación  TokApp.

Agora a Central acaba de incorporar unha aplicación para que os compradores poxen desde o móbil, á cal se están sumando progresivamente os usuarios e que substitúe ás tiras en papel nas que os compradores anotan as poxas. Nesta mesma aplicación reciben os resultados. As súas vantaxes son múltiples: eliminar o  tecleo manual por parte do persoal da Central para introducir no ordenador os datos que figuran nas tiras de papel, evitando así os erros que produce o factor humano, reorientar o labor de parte dos traballadores a outras tarefas, menor gasto de papel ao eliminarse as tiras e as listaxes que se facilitaban aos compradores e que agora teñen na aplicación, e tamén aumento da seguridade fronte á COVID-19 ao reducirse a manipulación de elementos e o contacto entre compradores e traballadores. Trátase dunha aplicación con gran potencialidade, polo que seguirá incorporando utilidades en función das necesidades da Central.

Vicepresidencia da AEMB


No plano institucional este ano é destacable que o director da Fundación Semana Verde e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foi elixido neste mes de decembro vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB). Un nomeamento que se suma ao de presidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), cargo que ocupa desde o ano pasado.

Por outra banda, no mes de setembro a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pasou a albergar a sede administrativa de  ASEMGA, sendo a primeira vez que esta cambiaba a súa localización orixinal en Talavera de la Reina. Tamén nese momento Julio Pérez, coordinador da Central, converteuse no secretario administrativo da asociación nacional.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal