Enerxétika celebrará a súa terceira edición do 4 ao 6 de novembro de 2021

Silleda, 13 de outubro de 2020.- A terceira edición da feira da enerxía de Galicia, que pasou a denominarse  Enerxétika, celebrarase finalmente do 4 ao 6 de novembro do 2021.

O certame, previsto inicialmente do 26 ao 28 de marzo deste ano, tivo que ser aprazado sen data debido á crise sanitaria xerada pola COVID-19. Agora, as importantes empresa e entidades do sector que forman parte do seu comité organizador, mostraron o seu apoio por unanimidade a celebrar esta terceira edición en 2021. Neste sentido consideraron que o vindeiro ano perfílase como o máis indicado para a súa celebración, xa que será de gran importancia para o sector debido a que a transición enerxética está a acelerarse enormemente, coas consecuentes innovacións tecnolóxicas, cambios regulatorios e tramitacións de proxectos que farán que a feira sexa un foro idóneo no mellor momento posible. Así mesmo, será un ano de gran relevancia para Galicia pola celebración do Xacobeo 2021, o cal tamén influirá na feira.

Ademais de fixar as datas de  Enerxétika, o comité organizador determinou que, dada a nova realidade que vivimos, é importante para o evento complementar o seu carácter presencial coa posibilidade de acceder a parte do seu contido tamén de forma  online. Un aspecto que se irá implementando nos vindeiros meses por parte da organización.

Para esta toma de decisións, o comité organizador da feira levou a cabo en días pasados unha reunión por videoconferencia, na que participaron representantes dunha vintena de empresas e colectivos de gran relevancia no sector da enerxía, os cales estiveron acompañados polo director  xeral de Planificación  Estratéxica e Recursos  Naturais da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo  Tahoces, quen preside o comité, e polo director do Departamento de  Enerxía e Planificación  Estratéxica do Instituto  Enerxético de Galicia (INEGA), Emérito Freire Sambade. Posteriormente a este encontro o equipo da  Feira Internacional de Galicia ABANCA mantivo conversacións cos membros do comité para concluír estes aspectos organizativos.

Cita de interese con gran progresión

O momento no que se atopa o sector da enerxía converterá a  Enerxétika nunha cita con gran interese, o que se suma á xa notable evolución deste certame, que na súa pasada edición se converteu nun espazo de referencia e que para as datas de marzo contaba con magníficas perspectivas.

Naquel momento, antes do seu aprazamento debido á COVID-19, estaban interesados en participar un 24% máis de expositores, tendo por diante aínda varias semanas de comercialización, e o evento ampliábase a un segundo pavillón polo incremento da superficie. Con estas novas datas de 2021 o obxectivo é mellorar aínda máis estas cifras.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal