A entidade feiral estará presente cuns stand no que non só promocionará a súa cita alimentaria Salimat Abanca, senón que dará cabida a seis empresas galegas. Así, terán o seu espazo as firmas alimentarias Cooperativa Hoxe (Lalín), Bico de Xeado (Bergondo), Panificadora Mencer (Bergondo), Yatecomeré (Ribadumia) e Burganas Galletas (Ourense) e tamén o laboratorio Akunatura (San Cibrao das Viñas).
Este tipo de participación enmárcase no obxectivo da Feira Internacional de Galicia ABANCA de servir de plataforma de promoción e desenvolvemento comercial ás empresas galegas naqueles eventos de interese onde Galicia non adoita ter presenza, á vez que aproveita para fortalecer a imaxe dos seus certames.
Primeira experiencia que se repetirá
Esta presenza agrupada en Andalucía Sabor trátase dunha primeira experiencia á que a entidade feiral pretende dar continuidade noutros eventos, e non soamente do sector agroalimentario.
Nesta ocasión a Feira Internacional de Galicia ABANCA promocionará o seu 24ª Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal se celebrará do 4 ao 7 de xuño de forma paralela á 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. O atractivo da súa exposición, o seu amplo programa de actividades ou os seus Encontros Internacionais de Compradores serán algúns dos aspectos que dará a coñecer aos profesionais e consumidores que se acheguen ao seu stand no certame andaluz.