A terceira edición da feira galega de enerxía celebrarase do 26 ao 28 de marzo de 2020 co renovado nome de Enerxétika

Silleda, 24 de abril de 2019.- A ata agora denominada Feira da Enerxía de Galicia celebrará a súa terceira edición do 26 ao 28 de marzo do vindeiro ano, e farao cun nome renovado, Enerxétika. Así se decidiu na primeira reunión levada a cabo polo seu comité organizador de cara a deseñar esta nova convocatoria. O encontro tivo lugar hoxe nas instalacións do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), en Santiago de Compostela.

Esta cambio de denominación ten como obxectivo non acoutar o certame soamente a Galicia, aínda que mantendo o “x” como sinal de identidade, e adecuarse así a unha internacionalización que o certame comezou a experimentar na pasada edición, cando contou con máis do dobre de expositores estranxeiros que na súa primeira cita.

Ademais de fixar data e novo nome para a feira, na reunión presentáronse os principais resultados da última convocatoria, abordáronse distintos aspectos relacionados coa comercialización e debatéronse distintas propostas de mellora.

O encontro estivo presidido polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen expresou que dende a Xunta de Galicia hai “depositadas moitas esperanzas e ilusións nesta nova edición”, xa que vivimos un momento “apaixonante” no sector, no cal en dez anos “non se producirá, transformará, distribuirá e consumirá enerxía do mesmo modo”. Por iso, destacou, a vindeira edición é unha gran oportunidade para facer pedagoxía e mostrar as novas tecnoloxías aparelladas a este cambio de paradigma.

Neste sentido, falou da importancia de “reinventar” a feira acorde a estes cambios, e para isto destacou entre os pilares do certame a exposición das últimas tecnoloxías e prototipos, a cooperación do sector, a internacionalización, a representación virtual no evento da realidade e potencial de Galicia no sector, a presenza e implicación dos organismos públicos, a interacción do visitante, a bioconstrución e as ferramentas financeiras con presenza activa e estratéxica.

Unha vintena de entidades

O director xeral estivo acompañado por unha vintena de destacadas empresas, entidades e colectivos do sector enerxético e empresarial que acudiron para respaldar o evento e poñer en marcha unha terceira edición na que a Feira Internacional de Galicia ABANCA volve a contar na súa organización co apoio da Consellería de Economía, Emprega e Industria.

Así, á reunión acudiron representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do INEGA e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Secretaría de Estado de Comercio, Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación, Asociación de Empresas de Cerramento de Galicia (AECALPO), Confederación de Empresarios de Galicia, Asociación Clúster da Xeotermia Galega (ACLUXEGA), Clúster Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), Clúster Galego do Autoconsumo Enerxético (AGAEN), Federación Galega de Asociacións Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (FEGAFON), Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL) e tamén as empresas Repsol, Iberdrola, Energy, Reganosa,  Greenalia, Biomasa Forestal, Setga e Abanca.

Ademais, estivo presente un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia ABANCA, encabezado polo seu director, Ricardo Durán.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal