Os eventos turístico e alimentarios da Feira Internacional de Galicia ABANCA promociónanse en Xantar


Silleda, 6 de febreiro de 2019.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa dende hoxe ata o vindeiro domingo na 20ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a cal se celebra no recinto Expourense.

A entidade feiral está presente cun stand no que durante estes cinco días se promocionarán os seus eventos centrados no sector da alimentación, como é Salimat Abanca, e no do turismo, o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur). Unha participación que pretende intensificar a difusión destes certames e continuar así a incrementar as súas cifras, as cales xa veñen experimentando unha importante evolución nas últimas edicións. Os tres terán lugar do 6 ao 9 de xuño de forma paralela á 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Turexpo Galicia, que chega á súa novena edición, e Festur, á sexta, están inmersos na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva,  unha programación dedicada ás festas de interese turístico e unha importante Bolsa de Contratación Turística que propiciou na pasada convocatoria máis de 2.500 reunións con 44 turoperadores de 12 países.

En canto ao Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, avanza na súa 23ª edición para converterse de novo en punto de encontro alimentario e gastronómico a través dunha atractiva exposición e unha programación na que destacarán os Encontros Internacionais de Compradores. Estes acolleron en 2018 máis de 1.400 reunións con 25 importadores e distribuidores de 14 países.

Esta participación da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Xantar enmárcase no convenio de colaboración asinado en outubro de 2017 coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o cal ten como obxectivo promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, de xeito particular, destes dous recintos.

Mesa redonda sobre o sector feiral en Galicia

Tamén no marco de Xantar, esta mañá o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, participou nunha mesa de redacción sobre os recintos feirais en Galicia. Organizada pola revista Hostelería Galega & Turismo, abordou a situación actual dos recintos e tamén as súas perspectivas de futuro. Ademais de Durán, contou coa presenza de Pilar López, directora de eventos de ExpoCoruña e de Alejandro Rubín, xerente de Expourense.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal