A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA incrementou en 2018 a asistencia nun 3,1% e as transaccións económicas nun 1,7%


Silleda, 18 de decembro de 2018.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que todos os martes se converte nun referente para o sector gandeiro e segue a ser a única puxa informatizada de España, celebrou hoxe a derradeira sesión do ano. As súas cifras volven a mostrar neste ano 2018 unha evolución positiva tanto en asistencia como en transaccións económicas, un crecemento no que hai que ter en conta que este ano a lonxa celebrou unha sesión menos que o ano pasado ao terse suspendido a poxa do vindeiro martes 25 de decembro por ser día de Nadal. De levarse a cabo esa última poxa o crecemento tería sido maior.

En canto á asistencia, á Central concorreron un total de 48.382 animais, sendo estes 46.926 en 2017, o cal supón 3,1% máis en 2018. Estas reses, pertencentes ás categorías de vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros, proceden na súa inmensa maioría das provincias galegas, se ben tamén se rexistran algunhas reses de comunidades limítrofes.

Por categorías, os becerros carniceiros foron os que rexistraron o maior incremento de exemplares, cun 12,1% máis, pasando de 4.612 a 5.172. Un crecemento que se debe a que continúa a aumentar a asistencia destes animais criados en extensivo. Se en 2016 e 2017 se instalaran varias corraletas para acoller estes exemplares de difícil manexo, en xuño de 2018 estreáronse 30 corraletas que sumaron no seu conxunto un maior número que as existentes anteriormente e que reduciron o número de animais en cada unha delas, albergando soamente tres becerros. Isto supón dúas vantaxes, por un lado un maior benestar animal e, por outro, que os compradores poidan ver mellor aos animais ao non estar tan xuntos, o que facilita a súa valoración para puxar por eles. Así, as corraletas sempre están cheas e as zonas onde estaban antes atados, case baleiras.

En canto aos becerros de recría, o crecemento foi dun 6%, pasando de 30.025 animais o pasado ano a 31.824 neste, motivado esencialmente polo aumento da asistencia de tratantes centrados nestes animais á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.

En canto ao vacún maior, é a única das categorías que non aumenta en asistencia, senón que descende nun 7,3%, ao pasar de 12.289 a 11.386 exemplares. Unha baixada na que se segue a reflectir o estrito control sanitario que se está a levar a cabo na Central, polo cal os servizos sanitarios recomendan que os animais en malas condicións non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro. Unhas medidas e recomendacións que dende a Central teñen como obxectivo eliminar reses de mala calidade na poxa  e que disuaden aos gandeiros á hora de levar ao mercado este tipo de animais ante unha posible sanción. Así mesmo, este descenso tamén estivo motivado pola diminución no envío de animais ao países do Magreb, cuxa importación se viu afectada pola crisis da lira turca.

Volume de transaccións

En canto á facturación das poxas de bovino en 2018, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou un 1,7% máis que en 2017, xa que pasou de 19.189.985€ a  19.520.545€ este ano.

Na de becerros carniceiros, o seu volume de negocio aumentou un 15,3%, pasando de 3.197.704€ a 3.687.752€. Un crecemento que ven motivado tanto polo incremento da asistencia de reses como polo aumento do prezo medio en conxunto, un 2% (pasou de 775€/unidade a 791€), o cal se debe a unha suba en todas as categorías. Frisón (un 3,3% de 434€/unidade a 448) e Cruces (un 0,9% de 771€/unidade a 778) por estabilidade no mercado e tamén Rubios (1,1% de 842€/unidade a 852€), nos cales se sigue incrementado o prezo medio porque segue a aumentar na Central o numero de animais co selo de calidade Ternera Suprema de Ternera Gallega, pola súa demanda por parte dos carniceiros.

En becerros de recría o incremento débese esencialmente ao aumento da concorrencia de reses á poxa aínda que tamén ao incremento do prezo medio na categoría de Cruces, nos cales hai unha certa estabilidade (un 2,2% máis, de 295€/unidade a 301€). Sen embargo, rexistrouse un descenso do prezo medio dos Rubios (un 10,2% menos, de 383€/unidade a 343€) pola inestable demanda do mercado. Tamén diminuíu o do Frisón (un 8,5%, de 115€/unidade a 106€) debido a que coa apertura do mercado francés, que permanecera pechado ata este verán,  os operadores que venden a cebadeiros de Cataluña descenderon a súa venta para este lugar, que pasou a comprar máis en Francia.

En canto ao vacún maior o descenso das transaccións debeuse a unha menor asistencia polos motivos xa expostos. Sen embargo, o prezo medio da categoría no seu conxunto aumento un 3,7% (de 838€/unidade a 870€), por un lado porque se segue a aumentar a calidade dos exemplares de Desfeito polos controis sanitarios (o seu prezo medio aumentou un 1,6%, de 450€ a 457€) e, por outro, porque se acada cada ano un maior número de animais de calidade na puxa, da categoría Extra, aínda que o seu prezo medio baixou lixeiramente (un 2%, de 1.796€ a 1.760€) e de Primeira, que o subiu (un 0,3%, de 1.082€ a 1.086€). En canto á Segunda, tamén aumentou, un 0,2% (de 718€ a 719€)

Ano de récords e boas marcas na Central

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou este ano 2018 varios récords absolutos tanto en transaccións como en concorrencia.

Así, en canto aos becerros de recría, acadouse a mellor marca histórica en asistencia, ao asistir 1.102 animais o 31 de xullo (o récord estaba nos 1.013 que acudiran o 5 de outubro de 2010), e tamén en facturación por partida dobre, ao acadar en xaneiro 207.801€, que superaban os 187.376€ que se mantiñan dende xuño de 2012, e volver a sobrepasar esta cantidade o mesmo 31 de xullo con 227.100€

Por outra banda, nos becerros carniceiros acadáronse dous récords absolutos, o 31 de xullo en transaccións, 130.969€ fronte aos 121.377€ que supoñían o maior volume da categoría ata entón (rexistrado o 19 de decembro de 2017), e hoxe mesmo, 18 de decembro, en asistencia, ao concorrer 187 animais que superaron os 180 rexistrados ata esta mañá como maior marca (tamén o 19 de decembro de 2017). Ademais, foi histórico o prezo medio acadado por esta categoría o 22 de maio, 884,17€ (o maior ata entón eran os 860,10€ que acadara o 11 de xullo de 2017).

Polo que respecta ao vacún maior, a Central acadou dúas veces no ano o seu récord histórico no prezo medio da categoría. Así, se en abril acadaba os 987,51€ (superando a marca dos 959,85€ que se mantiña dende 2013) o 8 de maio chegou  aos 996,98€. Tamén nesta categoría se rexistrou o 29 de maio o segundo mellor prezo acadado por un animal na historia da puxa, o cal foi de tan só 5€ menos que o récord histórico. Un boi de raza mestiza nacido no ano 2012 e pertencente a una explotación de Santa Mariña do Monte, en San Sadurniño (A Coruña), foi adquirido por 6.001€ pola empresa Galcarnes (Monforte de Lemos). O récord absoluto acadado por un animal son os 6.006€ pagados en setembro 2015 por un boi de raza Rubia Galega.

No conxunto da Central, esta rexistrou o 31 de xullo de 2018 a segunda mellor marca da súa historia en asistencia de animais con 1.476 reses (o récord está nas 1.613 reses que concorreran o 5 de outubro de 2010) e tamén o segundo maior volume de transaccións, sumando o 19 de xuño 546.610€ (a mellor marca está nos 553.851€ rexistrados o 26 de xuño de 2012)
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal