Equina 2021, cinco competicións que reunirán aos mellores cabalos do 30 de xullo ao 1 de agosto

Silleda, 28 de abril de 2021.- Equina levará a cabo a súa sétima edición do 30 de xullo ao 1 de agosto deste ano. Será de novo no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde o ring se converterá en escenario de cinco importantes competicións nas que participarán destacados exemplares das mellores ganderías nacionais.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), este evento volverá a celebrar o Campionato de España Pura Raza Española- ANCCE de Galicia, a súa principal competición. Este concurso  morfofuncional, mantén a categoría 2 estrelas, logo de que o ano pasado ascendese debido á súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais doutros aspectos como as magníficas instalacións do recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal está prevista entre o 16 e o 21 de novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB). Do mesmo xeito que o ano pasado, debido á categoría 2 estrelas, os cinco primeiros de cada sección deste Campionato clasificaranse directamente, en lugar dos tres que o facían antes.

O VII Campionato de España Pura Raza Española- ANCCE de Galicia será emitido a través da web da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE). Esta entidade volverá estar presente cun stand promocional e o seu presidente, Juan José Morales, acudirá ao evento.

Equina 2021, cuxa entrada volverá ser gratuíta e contará con todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para previr a COVID-19, acollerá outras catro competicións. Tres delas serán de  doma clásica, a  XXIII Copa  Accega, o Territorial e o III Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de  Doma Clásica. Sumarase a celebración dunha das cinco xornadas clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, organizada pola Federación Galega de Enganches, a cal este ano reduciu as súas probas e seleccionou para elas os mellores espazos.

Visita de gandeiros estadounidenses

Equina contará por primeira vez coa presenza dunha delegación de gandeiros estadounidenses interesados en presenciar os concursos para coñecer os distintos exemplares en competición. A gran calidade dos animais e o prestixio das ganderías participantes neste evento converteron a Equina nun referente para o mundo da pura raza española, o que suscitou o interese destes gandeiros para establecer relacións comerciais cos propietarios daqueles exemplares que chamen a súa atención.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal