Profesionalización e colaboración entre recintos, apostas de Agafe no Día Internacional das Feiras

Silleda, 5 de xuño de 2019.-  A Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe), reunise hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, con motivo da celebración do Global Exhibitions Day (Día Internacional das Feiras).

Ao encontro acudiron Emma González, directora adxunta de Expourense; Belén Montero, xerente do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia; Rubén López, director xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, o cal ostenta na actualidade a presidencia de Agafe.

No marco da reunión Ricardo Durán destacou o bo momento das feiras no mundo como unhas das principais ferramentas de marketing e de negocio das empresas para abrir mercado e xerar relacións comerciais. Ademais, fixo fincapé na inmellorable posición do ámbito feiral galego para xerar riqueza a través dos eventos e dinamizar os sectores económicos da nosa Comunidade.

Durante o transcurso do encontro Durán subliñou tamén que Galicia conta con feiras punteiras a nivel peninsular e internacional, sendo unha das apostas principais da Asociación a profesionalización do sector e a organización de eventos con gran retorno no noso entorno.  Así mesmo, sinalou como estratexia de crecemento da entidade a colaboración entre recinto feirais e institucións, anunciando que realizará este ano varias actividades entre os recintos para compartir coñecementos e experiencias, como fórmula para medrar sumando.

Global Exhibitions Day

O Global Exhibitions Day (Día Internacional das Feiras) celébrase sempre o primeiro mércores de xuño e nel participan entidades de máis de 85 países. O seu obxectivo é fomentar o coñecemento da relevancia da actividade feiral e da súa repercusión económica e social. Tanto é así que as mensaxes claves en 2019 son: as feiras como unha gran industria global e unha eficaz e sostible forma de facer negocios, que poden contribuír a un mundo sostible e ofrecer diferentes oportunidades laborais.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal