A feira Turexpo Galicia e o seu director, Ricardo Durán, nas I Xornadas de Turismo Ibérico que se celebrarán o 27 e 28 de febreiro en Portugal


Silleda, 16 de febreiro de 2019.-  O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, participará nas I Xornadas de Turismo Ibérico, que se celebrarán en Luso (Portugal) os días 27 e 28 de febreiro.

Durán intervirá o segundo día, no panel denominado “A importancia dos medios de comunicación e as feiras do sector na decisión do turista”. Nel aportará a súa experiencia e visión como director do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA e da feira turística Turexpo Galicia, a cal chega á súa novena edición do 6 ao 9 de xuño e sobre a que tamén falará na súa intervención.

Xunto a el participarán nesta mesa Alberto Alonso, director xeral do Instituto Ferial de Castilla y León – Feria de Valladolid; Julio Rubio, director da revista española Turismo e José Luís Elias, director da publicación portuguesa Turisver.

O mesmo día 28 haberá outros tres paneis, os cales versarán sobre “Turismo e municipios, casos de éxito”, “Presentación do proxecto Anda Comigo” e “Turismo Ibérico: estratexia de futuro”. Neste último estará presente Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, xunto co director xeral de Turismo da Junta de Extremadura, o presidente de Turismo Centro de Portugal e, posiblemente, a secretaria de Estado de Turismo de Portugal, aínda por confirmar.
 
Ademais, na primeira xornada do congreso abordarase outros aspectos como a relación entre museoloxía, patrimonio relixioso e turismo, novas oportunidades e produtos no turismo ou o ensino e o mercado de traballo.

Corenta expertos de España e Portugal

Estas novidosas Primeiras Xornadas de Turismo Ibérico, que se van a desenvolver no Grande Hotel de Luso, contarán con 40 expertos españois e portugueses relacionados co sector, que intervirán en oito paneis ou mesas temáticas distintas e tamén na inauguración e a clausura do evento.

Serán directores de feiras e medios de comunicación do ámbito turístico, directivos de importantes empresas ou sociedades e técnicos e responsables de institucións públicas os que debatirán sobre a actualidade e futuro do turismo na Península.


As I Xornadas de Turismo Ibérico están organizadas polo Grupo Gala, unha destacada empresa do país veciño que opera na área da publicación, márketing e promoción turística, así como unha importante colaborada da Fundación Semana Verde de Galicia no seu salón turístico Turexpo Galicia.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal