Equina volverá a converterse do 15 ao 17 de xuño en cita de referencia para os cabalos de pura raza española


Silleda, 4.5.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 15 ao 17 de xuño unha nova edición do evento ecuestre EQUINA, o cal terá como protagonistas aos cabalos de pura raza española.

Esta cita, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega), terá como eixo central a celebración do IV Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia. Unha proba morfofuncional na que se valorará tanto a morfoloxía dos exemplares participantes como os seus movementos, e que o presidente de Accega, Manuel Benavides, destaca por terse convertido na súa pasada edición “no quinto maior concurso de alta competición a nivel nacional” polo número de exemplares participantes, grazas a un “gran esforzo organizativo por parte da asociación e ao apoio da Fundación”.

Unha alta concorrencia que Benavides espera revalidar nesta edición “polas facilidades que se dan aos criadores” e que outorga ao concurso a catalogación de primeira categoría, o que permite que esta edición sexa clasificatorio para a final do Campionato do Mundo, a cal terá lugar en Sevilla no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB) entre o 13 e o 18 de novembro. Unha cita sobre a que subliña que “compiten exemplares de 62 países cun altísimo nivel”.

Neste IV Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia participarán exemplares procedentes de distintos puntos de España, moitos deles pertencentes a criadores de renome que, segundo o presidente de Accega, “darán gran relevancia” a unha cita que se celebra nun lugar “inmellorable” tanto polas características do propio recinto como “polo entorno, a proximidade a unha cidade patrimonio da humanidade como é Santiago e mesmo a gastronomía da zona”.

O concurso será emitido en directo a través da web da Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), entidade que volverá a estar presente cun stand promocional en Equina. Un evento que, segundo o director da Fundación Semana Verde de Galicia, se consolida con esta nova edición e “afonda na nosa vinculación co medio rural, supón un aproveitamento natural das instalacións e incorpora o recinto á rede nacional de principais escenarios do mundo do cabalo, polas vinculacións de Equina con Sicab”

Doma clásica e enganches

Ademais do IV Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2018 acollerá a XX Copa Accega de Doma Clásica, na cal os binomios (cabalo e xinete ou amazona) competirán o sábado pola tarde. Así mesmo, o domingo ao mediodía levarase a cabo unha exhibición de Enganches, na que se poderán ver Limoneras (cun cabalo), Troncos (dous cabalos) e Caleseras.

As actividades, que estarán amenizadas por grupos folclóricos, completaranse cunha pequena exposición comercial que incluirá guarnicionería e equipamento para equitación.

Por outra banda, destinada aos participantes nesta edición, o sábado celebrarase unha cena na que se entregarán distincións a diversos gandeiros e persoas vencelladas ao mundo da pura raza española. Uns recoñecementos que o presidente de Accega quere facer extensivo aos pequenos criadores da asociación pola súa “defensa do patrimonio xenético desta raza, especialmente nos temos difíciles que vimos de vivir nesta actividade” e tamén pola reestruturación que estes momentos esixiron e que eles cumpriron “coa modernización da cría cabalar selecta, con explotacións máis racionais e mellor xenética”. Un agradecemento no que tamén avoga pola unión, xa que “sen unión non hai forza”.

Actividade dende o día anterior

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá dende a mañá do 14 de xuño, día anterior ao comezo de Equina 2018, a recepción oficial de exemplares presentados ao Campionato de España e tamén as inspeccións veterinarias, polo que haberá xa actividade nas caballerizas, a pista de quecemento e o ring.  Unhas zonas que  converten ao recinto nun espazo con gran versatilidade, o que, segundo Ricardo Durán, permite que este evento hípico se celebre en Silleda, polas “súas idóneas infraestruturas”.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal