O I Motor OKasión Galicia converterase do 28 de abril ao 1 de maio no maior salón de vehículos de ocasión da comunidade


Silleda, 11.4.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 28 de abril ao 1 de maio o I Salón Motor OKasión Galicia, o cal foi presentada esta mañá nas instalacións do recinto por varios representantes do evento e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Durante o acto o director do salón, Rudesindo Alonso, deu a coñecer algunhas das súas características, indicando que estaba prevista a ocupación dun só pavillón pero que a gran demanda os levou a ocupar dous pavillóns e, a día de hoxe, a “rozar os 800 vehículos”.  Así mesmo, David de María, encargado da dirección comercial, destacou que o evento contará con empresas das catro provincias galegas, entre as que haberá gran representación tanto de compra-venda como de concesionarios oficiais, para lograr que sexa “o maior salón de ocasión de Galicia”.

Por outra banda, Juan Lijó, responsable de marketing e comunicación, que agradeceu as facilitades dadas pola Fundación para a realización do salón, subliñou a inclusión do vehículo industrial e as autocaravanas, dous sectores que consideran “de gran interese”, e tamén que aproveitando o festivo do 1 de maio quixeron facer “unha feira familiar” na que os asistentes ademais de ver a exposición podan comer e pasar unha tarde divertida. Indicou que participarán un total de 42 empresas, unha cifra complicada de acadar pero propiciada por ser “un sector en auxe”, e destacou que será “a maior oferta de Galicia”. Tamén deu a coñecer que ademais das ventas, que soen supoñer “entre un 25% e un 35%”, neste tipo de evento é importante a publicidade que se fai na zona, a cal aumenta ventas nos concesionarios despois da celebración da feira.

Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde e Galicia, sinalou ao respecto do certame que tras un primeiro intento de celebrar unha feira destas características, esta vez “conseguirase un evento moi destacado a nivel Galicia”, ao tempo que expresou os seus parabéns aos organizadores por conseguir unha feira do motor con dous pavillóns que “será un éxito de público”.´

Motor OKasión Galicia

O I Salón Motor OKasión Galicia estará centrado na venda de vehículos de segunda man, incluíndo turismos, industriais, sen carné e autocaravanas, aínda que tamén estarán presentes empresas relacionadas co motor e a xestión de vendas.

A exposición contará cunha superficie de 22.500 m² que ocupará os dous pavillóns principais do recinto feiral. No número 1 poderanse encontrar os vehículos industriais, autocaravanas e, nunha zona exclusiva, os coches de alta gama, mentres que no 2 estará a gran mostra de turismos. No espazo de conexión entre os dous pavillóns situaranse os coches sen carné, stands comerciais e  a cafetería/buffet.

Mostrará vehículos dende 1.000 euros os máis baratos ata 140.000€ ou 150.000€ o máis caro, de todas as marcas e modelos, con excelentes garantías e condicións, xa que a maioría de firmas presentan descontos exclusivos para este salón. Como complemento á súa exposición disporá dunha zona infantil e unha área gastronómica, ademais de actividades complementarias que se están a xestionar.

O coste da entrada será de 3€, se ben os menores de 16 anos poderán acceder de forma gratuíta.

Novos eventos en 2018

No marco desta presentación Ricardo Durán tamén quixo destacar que dende a Fundación Semana Verde de Galicia se leva tempo traballando para que este ano 2018 sexa o da “eclosión de novos eventos”. Así, o I Salón Motor OKasión Galicia será, tras o encontro da firma New Holland celebrada onte no recinto, o segundo de diversos eventos novos que terán lugar este ano e que “reforzarán a Fundación e a súa proxección de futuro”. Ao respecto indicou que algún deles se pechará nos vindeiros días.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal