Este mediodía foi presentada a fase zonal Terra do Deza de Campo a Través en Idade Escolar, que terá lugar o vindeiro xoves


Silleda, 20.11.2017.- A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través en Idade Escolar celebrarase o vindeiro xoves 23 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, a cal acolleu este mediodía a presentación do evento deportivo.

No acto, que tivo lugar no paseo central do recinto, estiveron presentes representantes das dúas entidades organizadoras da proba. Así, participou Daniel Benavides, xefe de servizo provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Pontevedra, e Manuel Constenla, responsable da Agrupación Deportiva Escolar O Pino, a cal inclúe centros escolares de Agolada, Rodeiro, Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Dozón.

A eles uníronse a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Sanidade do Concello de Silleda, Mª Pilar Peón: o profesor do IES Pintor Colmeiro Javier Sueiro;  e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán.

A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través contará coa participación de 705 alumnos de primaria e secundaria de oito centros educativos da comarca, que serán o CPR María Inmaculada, o IES Pintor Colmeiro e o CEIP, de Silleda; o CEIP Ramón de Valenzuela, de Bandeira; o CEIP Xaquín Loriga, de Prado; o CEIP Vicente Arias de la Maza, de Vilatuxe;  o CPI  de Rodeiro e o CEIP Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces.

Esta competición, que é clasificatoria para o Campionato Provincial de Campo a Través, comezará en torno ás 10.30 horas da mañá coa categoría de benxamín feminino. Seguirano, cada 15 minutos, benxamín masculino, alevín feminino e masculino, infantil feminino e masculino e cadete feminino e masculino. Rematará sobre as 12.30 horas, cando se fará a entrega de medallas.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal