A feria Abanca Semana Verde medra no seu 40 aniversario ao reunir a 637 expositores nun 31% máis de superficie e celebrar 180 actividades


Silleda, 7.6.2017.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as portas do seu 40 aniversario coa presenza de 637 expositores directos, un 8% máis que en 2016 (foran 590). Nestas cifras destaca tamén un crecemento de expositores estranxeiros, esencialmente portugueses, os cales supoñen un 80% máis de empresas lusas que o ano pasado. Ao total de expositores directos súmanse 226 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 18 países.

En canto á superficie neta, ascende a 15.243 metros cadrados, cun destacado crecemento do 31% que supón unha das maiores subidas respecto á anterior convocatoria que se teñen rexistrado na traxectoria do certame. En canto ao espazo ocupada por expositores e actividades mantense en cifras semellantes ás da pasada edición, superando os 77.000 metros cadrados.

Este maior número de expositores e superficie neta é un reflexo do crecemento de todos os salóns paralelos da feira, o cal responde ao obxectivo da Fundación Semana Verde de consolidar os seus certames e convertelos en líderes nos seus sectores. Así, Salimat Abanca conta cun 11% máis de empresas e un 14% máis de superficie neta, Fecap Abanca aumentou nun 31% as entidades participantes e un 49% a superficie, mentres que Turexpo Galicia e Festur tamén creceron nun 54% en exposición en nun 37% en espazo.

A diversidade volverá caracterizar á feira Abanca Semana Verde, xa que ademais destes certames paralelos, centrados na alimentación, a caza, pesca e natureza e o turismo, contará de novo con numerosos sectores que van dende gandería, biomasa, mascotas, xardinería ou pequena maquinaria e ferramentas ata decoración, mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Unha completa oferta á que se une un intenso programa con máis de 180 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame, e que tamén se amplía, xa que o ano pasado foran máis de 170.

Con todo elo a 40ª Abanca Semana Verde de Galicia, que será inaugurada mañá ás 16.30 horas, convértese máis ca nunca no gran certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, ao cal os visitantes poderán acceder de forma gratuíta por oitavo ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, que terá un módico prezo de 3€ destinados a incrementar a calidade do programa de actividades da feira.

Catro certames paralelos e máis de 180 actividades
O 21º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2017, converterase un ano máis nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores.  Os seus Encontros Internacionais de Compradores, coorganizados xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), volverán a contribuír á internacionalización das empresas a través de reunións de negocio cunha vintena de importadores, distribuidores e restauradores de 10 países.

A súa área Alinova dará relevancia aos produtos innovadores, estando presentes máis de 60 alimentos de gran orixinalidade, como aceite de chocolate, licor de azafrán, paté de berberechos con castaña ou queixo de vaca con baño de café e canela. No seu programa incluiranse ademais numerosas catas e degustacións, showcookings, talleres, actividades didácticas ou o III Encontro Gastroblogger

En canto a Fecap Abanca, que conta co respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras entidades do sector, inclúe entre os seus expositores armerías, cetrería, criadores de cans, remolques, equipamento e accesorios para caza e pesca, federacións ou medio ambiente. O programa desta cuarta edición destacará polo atractivo da súas propostas, entre elas exhibicións de tiro con arco ou cetrería,  torneos de caza virtual, demostracións de tiro ao branco ou cans atraíllados sobre rastro de xabaríl,  montaxe de moscas para pesca ou talleres  para escolares sobre ecosistemas e terapia canina. Uniranse a elas cinco novos concursos monográficos caninos e a IV Exposición de Cans de Caza, na cal participan sobre 300 cans.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 28 concellos que promocionarán 36 festas de interese turístico das catro provincias galegas. Na súa vertente profesional incluirase o I Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, a cal contará nesta edición cun 42% máis de turoperadores, 44 procedentes de 10 países. Entre as propostas para o público xeral terán protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de interese turístico presentes en Festur.

As actividades caninas e ecuestres serán tamén moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras do XIV Concurso Nacional Canino, probas oficiais da Liga Autonómica de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacará o V Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, exhibicións de horseball e perruquería equina e tamén propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como demostracións de ferraxe e andadura ou espectáculos de doma.

A área de gandería tamén ofrecerá un completo programa centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebrarán varios concursos morfolóxicos, algúns deles por primeira vez, e presentarán o selo 100% Raza Autóctona do Porco Celta. Ademais haberá unha exposición da raza Rubia Galega.

O programa completarase con outras actividades de gran interese, como espectáculos de motor, a III Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, a xuntanza anual do popular programa radiofónico Pensando en Ti, a presenza dun simulador de navegación da Marina, realización de esculturas en madeira, probas con motoserras ou unha xornada da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

En total serán máis de 180 actividades distintas que conformarán un programa para todos os públicos e con numerosas novidades.

Fomento do cooperativismo

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, promoverá, ademais, en Abanca Semana Verde o cooperativismo galego. Así, en Salimat Abanca 2017 estará presente o stand institucional do Consello Galego de Cooperativas, no que se exporán os seus produtos as cooperativas Cogal; Condado Paradanta; Cooperativa Agraria Provincial; Cooperativa Caprina Galega; Mel Flor do Xallas; Monte Cabalar; Productores del Campo de Capela; Terras da Mariña; e Vélaro; e as adegas cooperativas Jesús Nazareno; Virgen de las Viñas; e  Eidosela.

As cooperativas expositoras poderán na feira, ademais de expoñer os seus produtos, asistir aos encontros internacionais de negocio que terán lugar mañá e pasado, onde poderán contactar de forma planificada coas canles de distribución alimentaria, tanto españolas como doutros países.

Nos catro días que dura o salón, organizaranse degustacións de produtos galegos de calidade entre os que podemos destacar: queixos, requeixos, meles, fabas, xeados, carne de poldro e viños da D. O. Valdeorras e Rías Baixas.

Así mesmo, en Salimat  Abanca estará presente o stand do Igape, que ofrecerá información directa sobre os servizos e liñas de axuda para apoiar a actividade empresarial como son os programas ReAcciona, Galicia Emprende ou Galicia Inviste, entre outros.

>>> Pdf con el catálogo de expositores, programa de actividades y planos

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal