Un total de 100 alumnos de 40 centros medirán as súas destrezas en FP no Galicia Skills 2016


Silleda, 22 de novembro de 2016.- Un total de 100 alumnos de 40 centros educativos de Galicia, preparados por 77 profesores, medirán os seus coñecementos e destrezas en Formación Profesional na cuarta edición de Galicia Skills, que se celebrará no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca os próximos 30 de novembro e 1 e 2 de decembro. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con motivo da presentación do dito campionato, na que tamén participou o director xerente da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, o obxectivo da iniciativa pasa por poñer en valor o traballo dos centros, do profesorado e do alumnado de FP, tendo en conta que se trata dunha modalidade de formación cada vez máis especializada, vinculada ás necesidades da sociedade e dos sectores produtivos e que aposta polo emprendemento e innovación como ferramentas para favorecer a inserción laboral dos mozos e mozas. “Viviremos tres días de gran intensidade e competición sa, que servirán para que a Formación Profesional galega saque músculo”, remarcou Román Rodríguez.

17 especialidades de competición nun único recinto

O alumnado participante nas Galicia Skills 2016 reunirase por primeira vez nun único recinto e competirá ao mesmo tempo, dado que, en edicións anteriores, as distintas competicións desenvolvíanse en diferentes centros educativos ao longo do mes de outubro. Isto converterá a Silleda, en palabras do conselleiro, “na capital da FP galega” durante tres días.

Son un total de 17 as especialidades, as denominadas “skills”, en competición, e estas correspóndense con un ou máis ciclos das distintas familias profesionais. En concreto, o alumando medirá as súas destrezas en: Mecanizado, Soldadura, Control industrial, Mecatrónica, Enxeñería de deseño mecánico-CAD, Refrixeración, Ebanistaría/Carpintaría, Peiteado, Tecnoloxía da moda, Pastelaría, Cociña, Servizo de restaurante e bar, Tecnoloxía do automóbil, Pintura do automóbil, Xardinaría paisaxística, Administración de sistemas en rede e Coidados auxiliares de enfermería. Así mesmo, tamén haberá dúas especialidades en demostración, Floraría –realizada polo alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo– e Instalacións eléctricas, cuxa demostración correrá a cargo do IES Universidade Laboral de Culleredo.

Deste xeito, cada un dos gañadores en cada unha das 17 especialidades pasará a formar parte do equipo de alumnos e alumnas que representará a Galicia no campionato nacional Spainskills, que se celebrará do 27 de febreiro ao 4 de marzo de 2017.

Centros educativos colaboradores

Ademais da implicación e esforzo dos centros participantes no campionato, o conselleiro de Educación tamén agradeceu a colaboración de outros 19 profesores expertos en cada competición, que se encargarán de revisar que todo estea preparado e listo para a cita. Así mesmo, fixo fincapé no traballo que hai por detrás do torneo para que todo funcione correctamente, un traballo desempeñado por nove centros educativos que se encargan de cuestións técnicas como a montaxe, do subministro de equipamento, do catering, da elaboración das medallas, etc.

En palabras de Román Rodríguez, “estamos falando, por tanto, dun campionato feito para o alumnado e o profesorado de FP por alumnado e profesorado de FP”. Un torneo, en resume, que busca promover o atractivo destas ensinanzas, demostrar o traballo innovador que se está desenvolvendo nos centros, motivar ao alumnado a seguir mellorando a súa formación, favorecer a relación intercentros e co mundo empresarial –que tamén estará representado no campionato–, así como recoñecer e estimular o traballo continuo do profesorado.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal