Silleda, 8 de xuño de 2025.- A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos pecharon hoxe as súas portas tras cadro días nos que negocio e lecer se uniron tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.
A piques de pechar as súas portas, o certame recibiu dende o pasado xoves a 112.200 visitantes, os cales foron rexistrados a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión e cuxo provedor é a empresa Intermax. Unha afluencia que supón que a feira acade a súa mellor cifra de visitantes dende antes da pandemia e un 32% máis que o ano pasado, cando foran algo máis de 84.600 visitantes.
En canto a expositores, o certame acadou a súa mellor cifra de expositores directos do últimos dezaoito anos, con 758 empresas e entidades de España, Portugal, Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e EE.UU. Unha presenza expositiva que destacou máis que nunca pola súa gran diversidade, xa que non só volveu contar con sectores como gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, ferramenta, mobiliario ou artesanía, e cos seus salóns paralelos de alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, senón que se estreou a feira de beleza e estética Intermax Beauty Show.
Ademais, esta convocatoria foi a máis internacional do últimos vinte anos, co dobre de expositores directos de fóra de España que o ano pasado, firmas estranxeiras de 26 países e máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios internacionais de vinte países distintos nas súas mesas de negocio.
Cifras que conforman unha edición que foi moi satisfactoria para a inmensa maioría de expositores, tal e como trasladaron á organización. Por unha banda, pola gran cantidade de público que recibiron nos seus stands e, por outra, polos bos resultados das mesas de negocio dos salóns de alimentación e turismo, onde xa se pecharon algúns negocios e as perspectivas para acadar acordos son altas en moitos casos. Ademais, a gran cantidade de actividades desenvolvidas estes días foron moi aplaudidas, tanto polos expositores como polos visitantes.
Todo iso supón que as expectativas sexan excelentes para a vindeira edición, en canto a superar presenza expositiva e tamén seguir conseguindo un gran respaldo do público.
Máis de 200 actividades distintas
O programa da feira é un dos seus sinais de identidade pola gran cantidade e variedade de actividades que ofrece durante os seus catro días. Así, leváronse a cabo máis de 200 distintas, moitas das cales se repetiron ao longo do certame e entre as que houbo interesantes novidades.
Salimat Abanca foi de novo punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron máis de 1.200 reunións entre 120 empresas e 31 compradores de 16 países, mentres que na súa área Alinova mostrou máis de 60 innovacións. Ademais, no seu programa houbo numerosas catas, showcookings con reputados chefs, o concurso popular de tortilla española, o Encontro de Creadores Dixitais ou conferencias sobre diversa temática.
Turexpo Galicia e Festur, apoiadas pola Axencia Turismo de Galicia, contaron con empresas e entidades do sector turístico entre as que destacaron novas participacións e tamén 45 concellos e xeodestinos que promocionaron 60 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional incluíuse o seu Encontro de Creadores Dixitais e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou 2.500 reunións de negocio entre máis de 140 empresas e, finalmente, 33 operadores turísticos con presenza en 10 países que buscaron propostas no salón e entre os que se estreaban Indonesia e Serbia.
En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, ofreceu un interesante programa, con propostas como a Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería e tiro con arco, un simulador, actividades de axilidade canina, unha exposición de trofeos de caza, demostracións de montaxes de mosca para pesca ou un concurso de lance de mosca. Pola súa banda, a primeira edición de Intermax Beauty Show incluíu conferencias sobre temas como autocoidado, benestar e oportunidade de negocio e tamén talleres de técnicas de styling masculino e feminino con multipremiados expertos en peiteado e estética, cuxa realización foi mostrado nun escenario con pasarela.
As actividades caninas e ecuestres volveron ser outro dos atractivos do programa, podendo desfrutar no caso das primeiras con competicións de axilidade canina (agility), propostas do Can de Palleiro, unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina ou pastoreo con ovellas. Nas ecuestres incluíuse o XII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes ou un sorprendente espectáculo con cabalos, ponis, aguias e cans con números de doma en liberdade que combinou a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”, o cal puxo o broche final a esta edición.
Na área gandeira destacaron as razas autóctonas de Galicia, con exposicións e concursos morfolóxicos, ademais do I Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs Gochu Asturcelta, unha exhibición de doma de alta escola con cabalos de Pura Razas Galega, un desfile de exemplares desta raza engalanados ao modo tradicional ou exhibicións de “aloitadores” con eguas de Pura Raza Galega. Doutras razas, a feira contou cunha ampla mostra de ovino selecto, ademais dunha xornada sobre epixenética na cría de animais.
Sumáronse talleres e outras propostas lúdicas como unha exposición de dinosauros animatronics, a X Carreira Popular, o VI Open de Xadrez, shows de motor con dous dos tres únicos pilotos de stunt de Galicia ou exhibicións de skate.