Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, recibe o premio Enerxéticos 2022

Ricardo Durán, director da  Feira Internacional de Galicia ABANCA, recibiu onte un dos premios  Enerxéticos 2022 pola súa contribución ao desenvolvemento e difusión das enerxías renovables e a sustentabilidade a través do certame  Enerxétika. Esta feira da enerxía vén de celebrar a súa terceira edición no recinto o pasado mes de febreiro.

Estes galardóns, concedidos pola revista galega de enerxía  Dínamo Técnica, foron entregados nunha gala organizada tanto por esta publicación como polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Celebrouse no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela e tivo carácter benéfico, a través de Cruz Roja e a favor dos cidadáns e refuxiados de Ucraína.

Neste acto de entrega Ricardo Durán destacou que dende a primeira edición de  Enerxétika, no ano 2016, o sector da enerxía non parou de demostrar o seu agarimo á Fundación Semana Verde de Galicia, facéndolles sentir parte do propio sector, engadindo que pola súa banda esta tentou corresponder, estando presente en todos os eventos da enerxía que se celebraron en Galicia e en todos os posibles fóra da Comunidade.

Así mesmo, Durán quixo transmitir que con este premio realmente tócalle personificar todo o traballo do persoal da Fundación Semana Verde e tamén do Instituto  Enerxético de Galicia (INEGA), que dende o principio sempre estivo na organización do evento. Sinalou tamén que recibir este premio coincidindo cun acto benéfico de axuda a Ucraína é a mellor combinación que se podía dar.

Nove premiados

Enerxéticos 2022 recoñeceu, ademais de a Ricardo Durán, a outras oito persoas do sector enerxético. O enxeñeiro industrial Juan Caamaño Cebreiro recibiu o “Enerxético de Honra”, con motivo da súa xubilación e en recoñecemento á súa carreira profesional no ámbito da enerxía.

Os outros sete recoñecementos entregáronse a Francisco Silva (delegado de Iberdrola en Galicia), Natalia Barreiro (directora da Refinería Repsol de A Coruña), Fernando Romero (CEO de  EIDF Solar), Belén  Sío (xerente do Clúster de  Xeotermia de Galicia,  Acluxega), María Landeira (delegada de enerxías renovables de  Naturgy), Eugenio Marcote (enxeñeiro industrial na Deputación de Pontevedra) e Ángeles Santos (departamento de recursos humanos de  Genesal  Energy).

Os recoñecementos foron outorgados pola revista  Dínamo Técnica. O seu xurado estivo formado por varios expertos do sector e membros do Consello de Redacción da revista, exercendo como secretario e portavoz, Fernando Blanco, director da publicación.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal