A feira acuícola AquaFuture Spain segue ampliando o seu programa de actividades para converterse nun relevante foro de coñecemento

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021.-  A feira internacional de acuicultura  AquaFuture  Spain´22, a cal terá lugar do 23 ao 25 de marzo do próximo ano no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), segue ampliando o seu programa de actividades para converterse nun importante foro de coñecemento.

Así, se o pasado mes de agosto, a oito meses para a súa celebración, anunciaba que contaba con máis do 80% do seu espazo reservado, o seu programa de actividades está tamén moi avanzado e medra ao nivel da súa exposición.

Esta programación, que se divide en tres espazos, está conformada xa por preto dunha vintena de conferencias, mesas redondas e presentacións de gran interese. En canto á área Conferencias Maxistrais, inclúe o relatorio inaugural do día 23 de marzo, “Presente e futuro da innovación acuícola”, e a de clausura o día 25 dese mes, “Enfrontando os retos do sector desde a cadea de valor en clave de sustentabilidade”.

O segundo destes espazos, Conversemos sobre Acuicultura, será un foro de diálogo e interacción entre os axentes da cadea de valor para abordar de forma conxunta os retos do sector. Está composta por seis mesas redondas que se emitirán en  streaming a nivel internacional, as cales abordarán temáticas relacionadas coa sustentabilidade, cooperación, internacionalización, saúde e benestar animal, novos ingredientes, produción e acuicultura 4.0.

O programa completarase co Espazo para Profesionais, no cal se realizarán presentacións por parte de profesionais do sector que desexan visibilizar algún produto ou servizo que sacasen ao mercado ou dar a coñecer algunha investigación nova. Aínda que o programa non está pechado, xa hai moitas empresas que confirmaron a súa participación. Así, o primeiro día de feira realizaranse presentacións de  HIPRA, empresa colaboradora de  AquaFuture  Spain, e tamén de  HUMECO &  IMV  TECHNOLOGIES, contando as desta última cos títulos “Ultrasón como ferramenta para o seguimento reprodutivo en distintas especies”, “Optimizando a calidade do seme de peixes” e “Criopreservación automatizada de seme para acuicultura”

Na segunda xornada do certame están previstas as presentacións “Avances na produción de semente de bivalvos: Proxecto  Ecopemer”, da firma  ACUINUGA – Acuicultura e Nutrición de Galicia; “Calidade da auga como factor clave na bioseguridade en acuicultura”, de  OX-CTA; “Produción, Nutrición e Saúde no cultivo de  Seriola  dumerili”, de  DIBAQ  AQUACULTURE; e tamén unha presentación da empresa  TECNOVIT  FARM  Faes. Xa o venres está programada "Enxeñería de fondeo en acuicultura", de AEX- ROUP

AquaFuture, unha oportunidade

AquaFuture  Spain´22 segue tamén traballando na súa área expositiva, a cal supera xa amplamente o centenar de empresas, procedentes de 18 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, América do Norte ou Sudáfrica.

Todas elas celebran a posta en marcha desta feira, que será a primeira de acuicultura que se leva a cabo en España desde o ano 2010, destacándoa algunhas delas como “unha gran oportunidade para establecer relacións con outras empresas do sector, dar o noso traballo a coñecer e tamén os nosos produtos”, incidindo en que os “congresos técnicos son a mellor forma de aprender a interrelacionarse no sector” e convencidos de que “vai ser unha plataforma e lugar de encontro para todos os especialistas de acuicultura do mundo”

Sen dúbida,  AquaFuture  Spain´22, que conta coa empresa  Morenot como patrocinador oficial e  Hipra, Abanca,  Acuiplús e Grupo  JJChicolino como colaboradores, será un punto de referencia para que os profesionais do sector acuícola internacional coñezan as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal