A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 13 ao 15 de agosto a segunda edición de Concursos Hípicos no Camiño

 

Silleda, 3 de agosto de 2021.- Concursos Hípicos non  Camiño celebrará a súa segunda edición do 13 ao 15 de agosto na  Feira Internacional de Galicia ABANCA. Así, despois de levarse a cabo con gran éxito no  Concello de Vedra o pasado mes de xullo, esta cita con categoría dúas estrelas terá lugar agora no recinto. Un espazo para o cal este evento supón volver contar nas súas instalacións con concursos de saltos de cabalos.

Esta cita, que suma xa 122 participantes pero cuxo prazo de inscrición aínda está aberto ata o 7 de agosto a través da páxina web da Federación Hípica Galega, foi dada a coñecer esta mañá no recinto feiral.

Na presentación participou a primeira tenente de alcalde do  Concello de Silleda, Mónica González, quen quixo destacar que dende o Concello colaboran nesta iniciativa non só polo seu atractivo desde o punto de vista deportivo senón tamén polo seu interese para dinamizar Silleda a nivel turístico e económico, xa que actividades como esta atraen a un gran número de visitantes ao municipio.

Javier Masaguer, presidente da Asociación Concursos Hípicos no Camiño, organizadora do evento, incidiu en que durante tres xornadas Silleda volverá ser un referente da hípica, con probas que irán desde as cruzadas para os xinetes e  amazonas noveis ata a proba estrela, que terá lugar o domingo e na que as barras se situarán a 1,35 metros para a disputa do Gran Premio  Feira Internacional de Galicia ABANCA. Engadiu ademais que toda a parte deportiva desta cita estará acompañada cada xornada cunha actuación musical.

Pola súa banda, Diego Gómez, director deportivo da Asociación, trasladou que serán tres días nos que pretenden asentar as bases para os próximos dous anos, apostando polo recinto. Tanto é así, sinalou, que os xinetes e  amazonas poderán desfrutar dunha renovada pista de quecemento xa nesta edición co seu traballo e a colaboración do Concello de Silleda. Ademais, o seu obxectivo é mellorar dende a Asociación a pista de competición para a próxima edición, tal e como se contempla nun acordo coa  Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Pola súa banda, o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, mostrouse encantado de seguir acollendo eventos no recinto, dando normalidade á actividade económica e lúdica na Comunidade. Así mesmo, subliñou que se trate dunha actividade hípica, coa que se dá un maior uso ao magnífico ring da  Feira Internacional de Galicia ABANCA

Acordo de colaboración

A entidade feiral e a Asociación Concursos Hípicos no Camiño aproveitaron o encontro de hoxe para facer efectiva a firma dun acordo de colaboración entre ambas entidades. En función deste convenio celebraranse outros dous concursos de saltos de cabalos de ámbito nacional e categoría 2 estrelas en 2022 e 2023. Pretenden celebrar un concurso que se poida converter en referente da hípica galega e mesmo facelo extensivo ao norte de España, onde hai grandes eventos de salto, devolvendo á  Feira Internacional de Galicia ABANCA o seu lugar neste ámbito.

En canto a este acordo subscrito para os próximos dous anos, Javier  Masaguer sinalou que están encantados e que esperan que sexan moitos máis, xa que iso quererá dicir que ambas partes están satisfeitas e que o traballo dá os seus froitos.

 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal