Os concursos de beleza canina repiten na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 10 ao 11 de xullo e suman a Xuntanza do Mastín do Pirineo

Silleda, 9 de xuño de 2021.- O recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá de novo tres importantes competicións de beleza canina organizadas pola  Sociedade Canina  Galega.

O sábado 10 de xullo levarase a cabo a 95ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, mentres que o domingo día 11 celebrarase a 96ª edición de este mesmo concurso e tamén a 42ª Exposición Internacional Canina  Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinológica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para iso, dez xuíces de España e Portugal valorarán a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.

As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.

Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o  Best  in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.

Nas Exposicións Nacionais o cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas competicións puntúan para Mellor Can do Ano en Galicia dos Socios da  Sociedade Canina  Galega e serven para seleccionar aos que serán convidados á Gala  TOP32, á que acoden os 32 cans que obtiveron máis méritos durante todo o ano anterior nas exposicións e concursos que celebra a entidade en Galicia.

Éxito das anteriores edicións

O pasado mes de setembro o recinto acolleu a 93ª e 94ª Exposición Nacional e a 41ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, as cales contaron con gran éxito de participación.

Estas tres competicións reuniron a preto de 700 cans de 118 razas procedentes de tres países, convertendo ao recinto nun espazo de referencia para o mundo canino.

Xuntanza do  Mastín do  Pirineo

Nesta ocasión as Exposicións Nacionais e Internacional da  Sociedade Canina  Galega suman outra interesante cita. Así, o 10 de xullo celebrarase a IV  Xuntanza do  Mastín do  Pirineo, competición na que poderán participar exemplares de toda España e na cal tamén se valorará a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.

 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal