A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA retomará a súa actividade o 26 de maio con sistemas telemáticos e medidas de seguridade

Silleda, 22 de maio de 2020.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA retomará a súa actividade o vindeiro 26 de maio, tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución por parte da Consellería do Medio Rural de levantar a suspensión da celebración dos mercado de gando en toda Galicia.

A Central poñerase en marcha aplicando diversos sistemas telemáticos que teñen como fin evitar aglomeracións mentres dure a crise sanitaria do covid-19 e que, nalgún caso, terán carácter permanente cando se volva á normalidade para axilizar o traballo do mercado.

Así, mentres o esixa a situación xerada polo coronavirus, todos os usuarios da Central (gandeiros, transportistas e tratantes) deberán preinscribir os animais que levarán ao recinto con anterioridade á poxa, para o cal deberán comunicar o número de reses a través da web, Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  ou whatsapp. Se ben a data límite establecida para a preinscrición é o venres anterior á poxa ás 12.00 horas do mediodía, nesta primeira sesión será ata as 12.00 horas do mediodía do luns 25 de maio. Ademais, tamén de forma excepcional e sempre que non estea cuberto o número máximo de animais, nesta primeira poxa poderían acceder ata as 02.00h do martes usuarios que non fixeran a preinscrición, se ben deben ter en conta que ao non realizar esta comunicación previa correrían o risco de non poder acceder ao recinto se o aforo estivera completo.

O número de reses que pode introducir cada usuario estableceuse, no caso de  tratantes e transportistas, segundo límites de cotas determinadas previamente para eles. En canto a gandeiros particulares, poderán introducir reses ata que se alcance a capacidade fixada para a Central. En caso de alcanzarse terase en conta a data e hora de solicitude, dándose resposta ese mesmo día. Os gandeiros cuxa solicitude fose denegada poderán requirir nese momento manter a preinscrición para a semana seguinte.

Neste sentido, mentres non se normalice a situación a Central fixa un número máximo de 1.320 cabezas de gando por sesión, dos cales 800 serán becerros de recría, 170 becerros carniceiros e 350 vacas.

Por outra banda, o mercado introduciu un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes acudan ao recinto. Tamén pretende evitar a concentración de asistentes durante esta crise sanitaria, pero ademais, co obxectivo de axilizar o mercado, implantarase con carácter permanente e como substituto das poxas cantadas con soporte de vídeo que viñan sendo habituais. Este sistema contará con dous medios para a difusión dos resultados das poxas da Central, a súa web e a aplicación TokApp.

A estes cambios na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA tamén se engadirán modificacións nos horarios, tanto de recepción de animais e de documentación sanitaria como de inspección e valoración das reses de cada categoría. En canto á entrada de gando, xa nesta primeira poxa se realizará entre as 15.00 horas do luns e as 02.00 horas do martes, non admitíndose a recepción de reses fóra deste horario.

Todas estas modificacións realizadas na Central tanto con carácter temporal como permanente poden consultarse en detalle na súa web.

Medición de temperatura e sentido da circulación

Ademais da implantación destes sistemas telemáticos, a Central xa ten preparados todos os requisitos e protocolos de seguridade establecidos polas autoridades para reanudar os mercados, ademais doutras medidas implementadas pola propia Central.

Así, para garantir a seguridade de traballadores e asistentes mentres non se normalice a situación, soamente poderán participar persoas que vaian efectuar operacións  de compravenda ou transporte, realizándose as operacións de carga e descarga de gando de forma gradual.

Por outra banda, entregouse a todo o persoal un equipo composto por xel  hidroalcohólico, luvas e máscaras, instaláronse dispensadores de xel en distintas zonas do recinto e mamparas nas zonas de atención ao público, colocáronse alfombras desinfectantes, carteis e megafonía lembrando as medidas de seguridade e tamén se reforzará a limpeza.

Hoxe a Central decidiu engadir ademais a medición da temperatura a todos os usuarios antes de entrar nas instalacións e o establecemento dun determinado sentido da circulación dentro dos pavillóns para evitar que os gandeiros e tratantes se crucen durante a súa estancia nas naves.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal