Silleda, 11 de marzo de 2020.- Ante o comunicado de onte das autoridades sanitarias competentes, que se publicará estes días no Diario Oficial de Galicia, a Fundación Semana Verde de Galicia vese obrigada a pospoñer a celebración do seu salón de enerxía Enerxétika 2020, o cal estaba previsto do 26 ao 28 de marzo.
A Fundación segue así as instrucións da Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para conter o contaxio do COVID-19, entre elas a de limitar o aforo a 1.000 persoas en eventos que se celebren en recintos pechados, xa que na anterior edición da feira chegouse aos 6.250 visitantes.
Cando a situación relativa a esta crise sanitaria se normalice reunirase de novo o comité organizador do certame para determinar as mellores datas para a celebración do evento. Neste sentido, os expositores xa confirmados para esta terceira edición trasladaron de forma xeneralizada á organización a intención de manter a súa participación nas novas datas.
Pola nosa banda, dende a Fundación Semana Verde de Galicia seguiremos traballando para que Enerxétika manteña, ou mesmo mellore, as excelentes cifras de comercialización que xa se conseguiron para a data de marzo, e que supoñían a ampliación do certame a un segundo pavillón, e doutra banda, seguiremos coa comercialización de ABANCA SEMANA VERDE, GALIFOREST ABANCA e todos os demais eventos organizados pola Fundación.