A Semana Verde presenta unhas contas equilibradas e pecha 2019 sen perdas por sexto ano consecutivo

Silleda, 26 de decembro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Padroado da Fundación Semana Verde, no que se aprobaron as contas de 2018, se fixo un balance provisional deste exercicio e se analizou o orzamento previsto para 2020.

A Fundación presentou unhas contas equilibradas, de xeito que este curso volverá a rematar sen perdas por sexto ano consecutivo. Ademais, arredor de 250.000 persoas visitaron o recinto este 2019, o que supón case o dobre que hai cinco anos.

Alfonso Rueda destacou que a diversificación do espazo e a apertura a novos sectores con eventos novidosos permiten que o Recinto Feiral Semana Verde poida incrementar a súa afluencia ao contar ao longo do ano con todo tipo de actividades para todos os públicos.

O obxectivo para o ano que vén é seguir a traballar neste modelo xa consolidado, mantendo os sinais de identidade da feira coa actividade tradicional vinculada ao sector primario e, ao mesmo tempo, continuar a incrementar e diversificar a súa oferta.

O Goberno galego mantén o seu compromiso coa Fundación Semana Verde e este exercicio aportou máis de 1,2 millóns de euros entre achegas directas, subvencións, colaboracións e participacións en feiras. De cara ao 2020, prevese un orzamento no que se manteña de novo o equilibrio entre ingresos e gastos cunha contía de 2,5 millóns de euros, unha das máis elevadas dos últimos anos.

Ao longo deste 2019 leváronse a cabo un total de 24 eventos, dos que nove eran oposicións. Entre eles, destacan a clásica feira multisectorial Semana Verde; a Cimag-Gandagro, dedicada á maquinaria, á agricultura e á gandería; ou Expobus Iberia sobre o sector do transporte. As tres feiras medraron este ano tanto en superficie como en expositores e firmas participantes. Ademais, a Central Agropecuaria, acadou os mellores datos no que se refire á calidade dos animais presentados á tradicional lonxa gandeira.

O Recinto Feira Internacional de Galicia tamén acolleu a Xuventude Galicia Net R, a maior “party” informática de Galicia, e estes días está aberto para albergar o parque de atraccións Silleda Park, un espazo dirixido aos máis pequenos activo un ano máis durante o Nadal.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal