Galicia e Portugal continúan a senda da cooperación no eido das feiras multisectoriais

Braga (Portugal), 17 de xullo de 2019.- Galicia e Portugal continúan a senda da cooperación no eido das feiras multisectoriais, coa sinatura esta mañá na cidade portuguesa do convenio de colaboración entre Altice Forum Braga e a Fundación Semana Verde de Galicia despois de asinar no mes de marzo do pasado ano en Porto, o convenio de colaboración con Exponor-Feira Internacional de Oporto, o que permite seguir incrementando tanto o número de visitantes como expositores e certames das Feiras.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o director de InvestBraga, Carlos Oliveira asinaron o convenio polo cal ambas Feiras colaborarán na procura de iniciativas e oportunidades que van permitir a ambos recintos seguir medrando e complementándose, xa que entre ambas abarcan múltiples sectores. Facilitando ademais a apertura de novos mercados, tanto ás empresas galegas como ás portuguesas.

O Altice Forum Braga é un centro de convencións dedicado á celebración de feiras, exposicións, congresos e outros eventos de carácter sociocultural, científico, recreativo e deportivo. Está xestionado pola empresa municipal, InvestBraga, que ten como obxectivo axudar ás empresas para establecerse na rexión co fin de manter e aumentar o emprego e a creación dun polo empresarial. Conta co auditorio máis grande da rexión Norte (1.454 asentos) e un pavillón con capacidade para máis de 13.000 persoas, sendo a segunda sala de exposicións máis grande de Portugal.

No mes de marzo tivo lugar no recinto o certame Agro, unha das feiras agropecuarias máis importantes de Portugal, que en 2019 contou con máis de 25.000 m² de espazo de exposición, 450 máquinas agrícolas, 50 marcas e fabricantes e 250 expositores. A Fundación Semana Verde participou cun stand no certame para promocionar as súas feiras.

Abanca Cimag-Gandagro, que ten lugar no recinto da Fundación Semana Verde é a principal feira profesional agropecuaria de Galicia, e a segunda feira de maquinaria forraxeira máis importante de España, só por detrás da de Zaragoza. Conta cun número semellante de metros cadrados brutos de exposición respecto a Agro, con 188 expositores directos e 544 firmas representadas.

A Xunta segue así asentando a premisa de que a colaboración e a cooperación son as bases para acadar obxectivos, nos que se engloban seguir avanzando cara a internacionalización das feiras, que estas acollan máis expositores internacionais e incrementen a súa visibilidade tanto en Portugal como en Galicia.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal