A feira Galiforest Abanca será de novo punto de encontro do mundo forestal do 25 ao 27 de xuño de 2020

Silleda, 28 de xuño de 2019.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará o seu monográfico forestal Galiforest Abanca do 25 ao 27 de xuño de 2020. Farao de novo no mellor espazo posible para un evento deste ámbito, o monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). Este permite realizar o certame nun lugar real de traballo con excelentes infraestruturas e comunicacións.

As datas foron decididas fai uns días no primeiro encontro do Comité Organizador desta sexta edición de Galiforest Abanca. Este contou coa presenza de representantes dunha vintena de empresas e colectivos de gran importancia no sector forestal, os cales estiveron acompañados polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e tamén dos directores da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), José Ignacio Lema.

Ademais das datas, na reunión abordáronse outros temas, como a comercialización do certame, a súa promoción e aspectos a implementar de cara a esta convocatoria. Entre estes últimos acordouse a apertura do certame ao aproveitamento integral do monte, sumando á explotación madeireira outros usos, e tamén potenciar as actividades específicas para alumnos de ciclos de formación e carreiras universitarias relacionadas co ámbito forestal, xa que estes conforman un público de gran interese por ser o futuro do sector. Así mesmo, tras a súa exposición na reunión, decidiuse en días posteriores incrementar o espazo expositivo dispoñible, xa que debido ao crecemento da feira comezaba a ser insuficiente.

Unha feira en crecemento

Galiforest Abanca, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través das consellerías do Medio Rural e de Economía, Emprego e Industria, celebrou en 2018 a súa maior edición tanto en superficie como en número de empresas e firmas presentes.

Contou con 254 firmas expositoras (un 40% máis que en 2016) das cales 76 foron expositores directos (un 33% máis). Destes, 9 foron internacionais, o triplo que na anterior cita, o que permitiu xa á organización solicitar o selo de internacionalidade para a feira.

A superficie neta foi de 11.835 metros cadrados, superando nun 23% a da última cita, mentres que a bruta foi de 35.200 metros cadrados. Rexistrou 5.612 visitantes de distintos puntos de España e tamén doutros países, especialmente Portugal.
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal