A party informática XGN R Encounter prepara xa a súa décimo novena edición, coa que volverá a superarse do 11 ao 13 de outubro

Silleda, 28 de marzo de 2019.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará do 11 ao13 de outubro deste ano a décimo novena edición da  party informática máis importante de Galicia e terceira con R como colaboradora e patrocinadora oficial. A  XGN  R  Encounter contará de novo co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora do evento.

A organización da party prepara xa esta convocatoria coa premisa de seguir incorporando melloras e novidades, que xa foron notables nas súas dúas últimas edicións en canto ao acondicionamento das instalacións, a conectividade ou o programa de actividades.

A  XGN  R  Encounter quere así volver a superarse e continuar avanzando no seu propósito de converterse nuns anos na segunda  lanparty máis importante de España. Un obxectivo no que resulta esencial a implicación da Fundación Euskaltel na súa organización e tamén a vinculación da  party desde o ano 2017 coa rede de  Encounters do Grupo  Euskaltel, que vén desenvolvéndose no País Vasco desde hai 25 anos e da que forman parte a  Euskal  Encounter, a  Gipuzkoa  Encounter, a  Araba  Encounter e a  Technium  R  Encounter de Ourense.

Esta próxima edición da  party articularase nas súas tres zonas habituais. A Intranet, orientada aos inscritos, permitiralles gozar dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en actividades exclusivas. A Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para inscritos como para visitantes que acudan ao recinto. Ademais, o espazo expositivo da party volverá mostrar a oferta de empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico.

Aínda que o evento comezará oficialmente o día 11 de outubro, abrirá as súas portas de forma non oficial o día 10 pola tarde, co obxectivo de facilitar o acceso aos inscritos e permitir que comecen a instalarse. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.

A edición de 2018, un “paso de xigante”

A última edición desta  lanparty, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo para os seus responsables “un paso de xigante” nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa pasada convocatoria e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede.

A boa marcha deste proxecto reflectiuse xa no aumento do seu número de inscritos, que ascenderon a preto de 900 fronte aos 800 da pasada cita, así como nas súas valoracións positivas e a súa altísima participación nas máis de 60 actividades celebrada no marco do evento. De igual forma, a  Extranet supuxo tamén un éxito, xa que preto de 1.500 persoas pasaron polo recinto para gozar das súas numerosas propostas.

Destacou tamén a procedencia e o perfil dos inscritos. Aínda que a maioría foron galegos, asistiron de 19 provincias distintas, e a súa idade media foi de 27 anos, o que confirma que moitos deles eran profesionais que acudiron á  XGN  R  Encounter como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos.
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal