O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, nomeado novo presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos

Silleda, 26 de marzo de 2019.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, foi nomeado por unanimidade novo presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe).

Con esta designación, que tivo lugar onte en Ourense na asemblea xeral da entidade, toma o relevo no cargo de Alejandro Rubín, xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense.

Durán, cuxo mandato terá unha duración de dous anos, contará na vicepresidencia de Agafe con Rubén López, director xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo. A tesoureira será Emma González, directora adxunta de Expourense, e como vogal estará Belén Montero, directora xerente do Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, en representación de Monbús. A secretaria xeral será María Jesús Abeledo, secretaria da Feira Internacional de Galicia ABANCA, recinto xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia.

Unha xunta directiva que, en palabras de Durán, é representativa do sector feiral galego e está deseñada para unha toma de decisións áxil e unha valoración de resultados autoesixente.

Profesionalización e visibilización

Á fronte de Agafe, Ricardo Durán establece entre os seus principais obxectivos contribuír a unha maior profesionalización do sector, promovendo a organización de eventos cada vez máis relevantes e rendibles, potenciando a formación de asociados e profesionais que queiran orientar ou perfeccionar a súa actividade laboral cara a organización de eventos e tamén creando foros de encontro do sector para favorecer as sinerxías, compartir coñecementos e establecer alianzas.

Así mesmo, no seu programa de xestión pon de relevo a prestación de servizos aos asociados en asesoramento legal e técnico, como podería ser a elaboración dun convenio especial para o sector que recolla as súas particularidades, e tamén a consecución de redución de custes aos membros da Asociación derivada da capacidade de compra conxunta por parte desta. Unha forza común que ademais establece como de gran importancia para ter maior representación fronte a terceiros, xa sexan entidades públicas ou privadas, para a consecución de distintos aspectos, como elaboración de normas ou colaboracións.

Ademais, Ricardo Durán inclúe nas tarefas relevantes da Asociación dar visibilidade e reivindicar a aportación das feiras á economía, cultura, ocio ou deporte, xustificando o apoio público a eventos que teñen un efecto multiplicador sobre determinados sectores económicos.

Agafe

A Asociación Galega de Feiras e Eventos é unha entidade sen ánimo de lucro para a representación, coordinación, defensa e fomento das actividades feirais, exposicións e eventos dos seus membros.

Constituíuse en 2012 e actualmente está conformada por 58 asociados, entre os que se encontran xestores de infraestruturas, organizadores de eventos, provedores de servizos directos e indirectos e profesionais.
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal