Remata con gran éxito o II Salón Motor Ocasión Galicia, que superou os 12.000 visitantes e vendeu máis de 300 vehículos


Silleda, 19 de marzo de 2019.- O II Salón Motor Ocasión Galicia pecha as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA colleitando un gran éxito tanto en vendas como en asistencia.

Así, dende o pasado sábado ata hoxe este certame, organizado por Sac Events e Dolecer Eventos, contou con algo máis de 12.000 visitantes, os cales manifestaron estar moi satisfeitos coa variedade de vehículos que encontraron no salón. Como exemplo, o comentario dun dos asistentes, que dicía que “entre tanto coche ata resulta complicado decantarse por un”.

Por outra banda, foron vendidos máis de 300 vehículos. Isto deixa patente que os visitantes non dubidaron en aproveitar os descontos ofrecidos polos concesionarios e compra-vendas, os cales chegaban nalgúns casos ata os 7.000 euros.

Os vehículos máis vendidos, como en anteriores edicións, foron utilitarios diésel entre 10.000€ e 20.000€, aínda que tamén os compradores máis esixentes puideron encontrar unha gran variedade de vehículos de alta gama, chegando algún aos 600cv.

Como complemento á mostra comercial, o salón ofreceu dúas exposicións, unha delas centrada en vehículos de competición e outra en clásicos. Ademais, a zona habilitada con inchables e diferentes xogos foi a preferida dos mais pequenos.

Unha das maiores feiras de ocasión de Galicia

Segundo os organizadores, con esta segunda edición o Salón Motor Ocasión consolídase como unha das feiras de coche usado mais grandes de Galicia. Máis de 800 vehículos ocuparon os máis de 20.000 metros cadrados que suman os dous pavillóns principais do recinto feiral.

Estas dimensións e os resultados obtidos fan pensar á organización que “sen dúbida o certame terá en 2020 nunha terceira edición na cal intentará seguir mellorando”. Así mesmo, agradecen a todos os asistentes a súa visita e confianza depositada.
 
© 2019 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal