ExpoBus Iberia pecha a súa primeira edición como segunda feira do sector en España, con excelentes perspectivas e a visita de 1.266 profesionais


  • O CERTAME CONTOU CON 101 FIRMAS EXPOSITORES DE 13 PAÍSES, DAS CALES 46 FORON EXPOSITORES DIRECTOS E 55 INDIRECTOS
  • O 76% DOS EXPOSITORES ERAN DE FÓRA DE GALICIA, O QUE PON DE MANIFESTO O CARÁCTER PENINSULAR DESTE EVENTO
  • A FEIRA RECIBIU UN IMPORTANTE APOIO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, QUEN INAUGUROU ESTA CITA, VISITOU A TODOS OS EXPOSITORES E PARTICIPOU NO ANIVERSARIO DUNHA DAS EMPRESAS GALEGAS PRESENTES

Silleda, 10 de novembro de 2018.- A Feira de Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2018, pechou hoxe as portas da súa primeira edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA. E fíxoo converténdose xa na segunda feira do sector a nivel nacional en canto a número de expositores e importancia de marcas presentes.

Esta primeira cita foi visitada por 1.266 profesionais do ámbito do transporte de viaxeiros por estrada, unha cifra significativa tendo en conta as dimensión do sector. Uns resultados aos que se une a procedencia dos visitantes, os cales acudiron de numerosos puntos de España e tamén de Portugal.

A feira contou con 101 firmas expositoras de 13 países, das cales 46 foron expositores directos de España e Portugal, e 55 indirectos. Dos participantes directos, o 76% eran de fora de Galicia, o que pon de manifesto o carácter peninsular deste certame.

En cantos á superficie, ocuparon 5.793 metros cadrados netos e 11.000 brutos. Sumáronse ademais outros 17.000 metros cadrados brutos correspondentes ao espazo ocupado por distintas actividades tanto no pavillón contiguo ao principal como no exterior.

Entre estes expositores estiveron presentes moitas das principais empresas fabricantes do sector do autobús e o autocar, importantes marcas carroceiras e un notable número de compañías relacionadas coa industria auxiliar. A inmensa maioría delas expresaron a súa satisfacción polos resultados no certame e a súa intención de participar de novo, ao tempo que destacadas empresas que non estiveron presentes nesta ocasión pero visitaron a feira manifestaron á organización a súa intención de participar na vindeira edición. Isto supón que o certame conte con excelentes perspectivas.

ExpoBus Iberia 2018 contou cun importante apoio do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen inaugurou esta primeira convocatoria, visitou todos os expositores do certame e participou no 70 aniversario do grupo galego Castrosua.

Xornadas, premios e exposición de clásicos

A programación de ExpoBus Iberia incluíu a celebración de interesantes xornadas técnicas. Onte abordouse a situación do transporte de viaxeiros en Galicia, con inauguración da xornada por parte da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez Mourelle e coa presenza de tres das asociacións representativas do sector en Galicia. Hoxe, e co peche da xornada por parte de Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade, analizáronse os cambios tecnolóxicos e sociais que se están a producir na mobilidade, centrándose en aspectos como o marketing na promoción da mobilidade, a intelixencia artificial e oportunidades do BigData e as tecnoloxías embarcadas no autobús.

Outras das propostas da feira foi o Premio ao Mellor Condutor de Autocar de España. O galego Rafael Estévez Muíños, de Empresa Raúl S.A (de Salvaterra de Miño, Pontevedra), foi o gañador neste concurso. O segundo posto foi para outro galego, José Manuel González Juárez, de Autocares Meijide (empresa de Lalín, Pontevedra) e o terceiro lugar conseguiuno o vasco Miguel Molina Delgado, de Bidasoa Bus (de Vitoria). Para outorgar este galardón realizáronse probas como slalom en diferentes sentidos, diana de precisión na parada, freada de emerxencia, proba de paso estreito ou aparcamento.

Outra vistosa actividade do programa foi unha exposición de autobuses clásicos. Contou cunha vintena de orixinais vehículos dende a década dos 30, como algún que levaba conxuntamente gando e persoas, outros que contaban con extras da época como un floreiro na parte central do parabrisas ou un autobús que é o único que se conserva do seu modelo e que diferenciaba tres clases para levar aos pasaxeiros, primeira, segunda e tamén terceira, a cal contaba con 20 prazas no teito.

Vindeira edición


ExpoBus Iberia é unha feira con carácter bienal, pero a súa vindeira edición poderíase celebra xa en 2019 para adaptala ao calendario de feiras nacionais e europeas, de modo que pasaría a levarse a cabo en anos impares. Esta data de celebración, en 2019 ou en 2020, será decidida proximamente polo comité organizador do certame.

>>> FOTOGRAFÍAS DA FEIRA

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal