Silleda, 25.6.2018.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu esta mañá a segunda reunión do comité organizador do seu novo certame centrado no transporte de viaxeiros por estrada, ExpoBus Iberia.
No encontro de hoxe decidiuse o propio nome da feira, ao tempo que se presentou a imaxe corporativa aos asistentes para a súa aprobación. Así mesmo, no seu marco acordouse o cambio de datas de ExpoBus Iberia 2018 por motivos organizativos, pasando do 26 e 27 de outubro aos días 9 e 10 de novembro do presente ano.
A esta nova reunión de traballo, a cal contou cunha notable asistencia do sector, acudiron representantes de destacas empresas fabricantes, como Man, Scania, Iveco, Volvo, Mercedes, King Long, VDL, UNVI e Castrosua, e tamén de recoñecidas compañías de transportes de viaxeiros como Autocares Meijide, Empresa Lázara e Autocares Rías Baixas. Ademais, contouse con representación da Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar (Transgacar).
Todos os presentes, e tamén outras importantes empresas do sector que escusaron a súa asistencia, amosaron o seu pleno respaldo a este evento, ao tempo que quedaron emprazados a unha nova reunión no mes de outubro. Así mesmo, as asociacións vencelladas contarán cun novo encontro en xullo para comezar a perfilar o programa de actividades de ExpoBus Iberia 2018.
Punto de encontro profesional
Este salón estará especializado no transporte de viaxeiros por estrada, sendo o seu obxectivo converterse en punto de encontro para empresas e profesionais deste ámbito.
Será un escaparate no que se mostrarán as novas tendencias no sector, así como as innovacións que poda presentar a súa industria auxiliar e servizos relacionados. Así mesmo, a súa vertente expositiva completarase cun programa de actividades relacionadas.