O Spring Festival reúne a 5.000 persoas nunha edición na que sonou Carlos Baute, Panorama e París de Noia


Silleda, 22.4.2018.- O Spring Festival volveu a reunir onte na Feira Internacional de Galicia ABANCA en torno a  5.000 persoas que non quixeron perderse a súa cuarta edición, e que consolidan esta cita musical no calendario galego. O público puido desfrutar das actuacións do artista internacional Carlos Baute e as aclamadas orquestras Panorama e París de Noia.

O festival, organizado pola empresa Piñeiro Pub, celebrouse no pavillón 1 do recinto feiral. Comezou sobre as 22.15 horas e estendeuse durante aproximadamente nove horas nas que as novidades foron as protagonistas. París de Noia foi a primeira agrupación en saír ao escenario, para logo dar paso a Carlos  Baute. Tras o seu concerto foi a quenda da orquestra Panorama, de novo París de Noia e, para rematar,  o segundo pase de Panorama.

París de Noia abriu o evento co seu novo espectáculo, practicamente rematado, e fíxoo sobre un escenario renovado, con incorporación de luces láser, máis pantallas de alta definición e robótica de última xeración. Ofreceu un opening (presentación ao comezar a actuación) baseado na película El Gran Showman que tamén incluíu o tema que representará a España en Eurovisión, Tu Canción.  O seu repertorio, no que case todas as cancións son novas, incluíu performances como a centrada en temas do musical El Guardaespaldas e tamén cancións de máxima actualidade, pop e reggaeton, que sonaron tanto no primeiro pase coma no segundo.

En torno á media noite foi a quenda de Carlos Baute, quen ofreceu no marco do festival o primeiro concerto da súa nova xira. Durante a súa actuación, moi bailable, fixo un percorrido pola súa carreira musical, interpretando grandes éxitos en España, como Mi medicina, Colgando en tus manos, Ando buscando ou Dame de eso e tamén outros temas menos coñecidos. Así mesmo, presentou o seu novo single ¿Quién es ese?, acompañando a súa interpretación en directo cun vídeo que incluía a voz da cantante mexicana Maite Perroni, quen colabora con Baute neste sinxelo.

Tras a actuación deste artista venezolano Panorama deu comezo á presentación da súa xira Deluxe Tour, cun espectáculo e repertorio moi renovado pero mantendo tamén os temas de sempre de Panorama, con estilos para todos os públicos. Como punto de partida interpretaron as súas versións de I got the eye of the tiger, de Katy Perry, e Don't let me down, para logo facer unha adaptación de Esto es Pa Ti, que é a segunda parte do título da xira en referencia á homenaxe que este ano queren render ao público. Cunha montaxe e iluminación innovadores, chamativos vestiarios e coreografías e un ritmo moi intenso nos dous pases, non faltaron pezas de actualidade como Mayores, Bikina ou Camina, canción que interpretan todos os participantes do programa Operación Triunfo como himno desta última edición. Tamén ofreceron a súa Hora Loca, na que a orquestra recupera cancións do verán cun toque de humor.

Donativo para Silleda Solidaria

O Spring Festival conta dende a pasada edición con carácter social, facendo cada ano unha aportación económica a un colectivo con necesidades específicas. En 2017 destinouse á Asociación de Rapaces e Amigos con Necesidades Especiais (Aranes), de Lalín, mentres que este ano foi a favor do programa Silleda Solidaria, o cal recibirá da organización un donativo de 1.500€.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal