O presidente da Xunta de Galicia clausura unha segunda edición da Feira da Enerxía á que acudiron máis de 6.000 visitantes


Silleda, 24.3.2018.- Un total de 6.235 profesionais e consumidores visitaron durante os seus tres días de celebración a segunda edición da Feira da Enerxía de Galicia, a cal pechou hoxe as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA. Dende o xoves o certame converteuse, co apoio da Xunta de Galicia, nun gran escaparate e espazo de divulgación das últimas novidades do sector.

Entre estes asistentes, que supoñen un 13,3% máis que na pasada convocatoria e que foron acreditados antes do seu acceso ao pavillón, rexistráronse visitantes de practicamente todas as comunidades autónomas e ademais doutros países, na súa maioría de Portugal, pero tamén profesionais de Francia, Suíza, Uruguai, Dinamarca e Reino Unido.

Este público puido ver na área expositiva da feira numerosas propostas de moitas das empresas e entidades máis importantes do ámbito enerxético. Sumaron 255 firmas expositoras de 20 países, o que supón un incremento dun 5,8% respecto á pasada edición, as cales estiveron representadas por 104 expositores directos, un 11,8% máis, de España, Portugal, Alemaña e Bulgaria. Destes expositores directos, 11 foron internacionais, máis do dobre de empresas estranxeiras que en 2016.

Estas empresas e entidades ocuparon un dos pavillóns principais do recinto e unha zona exterior do mesmo, sendo a superficie neta de 5.479 metros cadrados, un 27,6% máis que en 2016, cando foran 4.294 metros cadrados.

Unha interesante área expositiva que se uniu a un completo programa de actividades para constituírse nun espazo de encontro no que a satisfacción foi xeralizada entre expositores e visitantes.

Visita do presidente da Xunta de Galicia

A feira foi inaugurada o pasado xoves polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Ambos acudiron de novo hoxe ao certame xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo xunto aos conselleiros un amplo percorrido polo certame, no cal intercambiaron impresións con distintos expositores e visitaron a área divulgativa da Fundación Sotavento Galicia e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), entidade dependente da Xunta de Galicia.

No marco desta visita Núñez Feijóo quixo resaltar o éxito do certame, o cal cualificou como “a maior feira de enerxía que tivemos nunca en Galicia”. Ao mesmo tempo, tanto o presidente da Xunta de Galicia como os conselleiros felicitaron á organización polo gran paso adiante dado nesta segunda edición.


Por outra banda, o certame tamén contou hoxe coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen estivo no stand da Formación Profesional en Galicia. Nel amosáronlle catro proxectos galardoados nos Premios de Innovación na FP expostos na feira.

Un amplo programa

A feira ofreceu un interesante programa de actividades que, conducidas por cerca de 150 expertos, contou con propostas para profesionais e consumidores.

As conferencias foron unha peza clave. Sumaron 86 que se agruparon en 29 xornadas organizadas por destacadas entidades, como o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA); Instituto Iberoamericano de Ingenieros de la Energía, Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL), os clústers galegos do Autoconsumo e da Xeotermia (AGAEN e ACLUXEGA) e tamén as empresas Saltoki, Férroli, Repsol, Reganosa, CO2 Smart Tech e Termosun.

Estas conferencias, nas que participaron 91 profesionais de máis de 60 entidades, profundaron en temas de gran interese, como as Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, aforro e eficiencia enerxética, biomasa, autogás, softwares de xestión enerxética, aerotermia, experiencias enerxéticas en países iberoamericanos, edificios de consumo case nulo, sistemas de produción de ACS mediante enerxía solar, o proxecto Core LNGas hive, seguridade industrial, mobilidade sostible, autoconsumo, xeotermia, tramitacións telemáticas para instalacións de baixa tensión, biogás, coxeración ou hibridación, entre outros.

O programa da feira tamén estivo conformado por outras actividades. Así,  contou cunha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética, promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o INEGA; talleres para escolares da Fundación Repsol; a exposición fotográfica “A enxeñería industrial na sociedade” do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia ou presentacións como a da revista  “Dínamo Técnica” e o libro “El triángulo de la gestión energética en la empresa y en la administración pública”.

Ademais, leváronse a cabo importantes encontros sectoriais como os da Asociación Española de Empresas Productoras de Pellets (Apropellets), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Acluxega, Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (Aecalpo) e Fegasinel. A todos eles uniuse o Encontro dos Clústers da Enerxía de Galicia, no cal se trasladou a mensaxe de traballar xuntos para que Galicia se consolide como unha economía verde.

Por outra banda, a feira contou cunha proposta que tivo gran acollida entre o público xeral, un circuíto de mobilidade sostible con vehículos eléctricos e híbridos. Nel os visitantes puideron probar nun recorrido de algo máis dun quilómetro as prestacións de coches, furgonetas e motocicletas de distintas marcas, concretamente de Nissan, Renault, Toyota e Eléctrica Motorcyles, ademais dalgúns modelos cedidos pola Xunta de Galicia.

>>> Fotografías da feira
>>> Vídeo da visita do Presidente da Xunta

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal