A Xunta destaca que a Feira da Enerxía nace para ser un referente do sector e unha oportunidade para afondar nos retos de futuro


Silleda, 14 de abril de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiron hoxe á inauguración da I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebra ata o próximo sábado, 16 de abril, na Feira Internacional Galicia Abanca de Silleda. O Goberno galego subliña que este encontro afianzarase como un referente do noroeste peninsular, ao ser o único que aglutina todos os tipos de fontes enerxéticas, ademais de converterse nunha oportunidade estratéxica para que o sector poida afondar nos seus grandes retos de futuro.

Tanto o vicepresidente como o conselleiro destacaron a completa programación desta primeira edición da Feira da Enerxía, que contará durante os tres próximos días con más de 230 firmas expositoras de 16 países e con máis de 70 conferencias, ademais de talleres infantís, sobre eficiencia enerxética e un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos, entre outras actividades.

Rueda destacou que con esta nova cita Silleda e a Fundación Semana Verde volven a converterse en expositores do que queremos que sexa o futuro de Galicia e continúan na senda da revitalización e diversificación que iniciou o recinto feiral hai xa varios anos.  

Ademais, tamén quixo facer fincapé no feito de que a Feira non só está orientada ao público xeral, senón que converterá á Semana Verde nun centro de coñecemento e innovación no que expertos e empresas punteiras dialoguen e intercambien experiencias. De aí o amplo número de xornadas previstas, unha actividade divulgativa sen precedentes.

Pola súa banda, Francisco Conde asegurou que Galicia sitúase nun enclave privilexiado que permite dispor dun amplo abano de recursos naturais, os cales é preciso aproveitar para “mellorar a competitividade das empresas e o benestar dos fogares galegos”.

Neste sentido, puxo como exemplo a celebración, no marco da Feira da Enerxía, do III Foro da Biomasa de Galicia, no que mañá venres se abordará con empresas e consumidores os avances acadados coa Estratexia Integral de Impulso da Biomasa. Este proxecto da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como principal finalidade afianzar o uso da biomasa, unha fonte de enerxía que permite reducir a dependencia do petróleo, impulsar o aforro, mellorar a xestión dos montes, prever incendios forestais, favorecer a eficiencia enerxética e protexer o medio natural.

A Estratexia Integral de Impulso da Biomasa recolle que a aposta por esta enerxía limpa e a súa aplicación en diferentes sectores, como o agroalimentario, o agropecuario ou o sector servizos, suporá a finais desta década un aforro anual de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, ademais de crear 1.000 novos postos de traballo e mobilizar un investimento próximo aos 500 millóns, evitando a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

Conde defendeu a necesidade de potenciar as enerxías renovables tanto nos fogares galegos como na industria e nas administracións públicas. Para acadar este obxectivo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 31 millóns de euros. 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal