A feira Abanca Semana Verde de Galicia acollerá a xuntanza anual que reúne a miles de oíntes do popular espazo radiofónico Pensando en Ti


    • ESTA MULTITUDINARIA CITA, QUE CELEBRA A SÚA DÉCIMO SEGUNDA EDICIÓN, FOI PRESENTADA ESTA MAÑÁ NAS INSTALACIÓNS DA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 26 de febreiro de 2016.- A xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti levarase a cabo nesta ocasión no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 9 ao 12 xuño.

Esta multitudinaria cita protagonizada polos seus oíntes, que celebra a súa décimo segunda edición,  foi presentada oficialmente esta mañá nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán,  que abriu a presentación, destacou que o feito de acoller este evento é “unha gran noticia para Abanca Semana Verde e tamén para a propia xuntanza”, xa que ambos teñen o mesmo público obxectivo”, polo que se van a “producir sinerxías”. Así mesmo fixo fincapé en que a feira ten 100.000 visitantes sumando os catro días, dos cales 35.000 ou 40.000 son o domingo, día no que esta festa “vai a supoñer un aumento duns 20.000 visitantes, o que garante o éxito de público e vai a atraer a máis expositores". Durán explicou tamén que a “primeira gran noticia respecto a esta edición da feira foi a participación do Clúster Alimentario de Galicia”, esta é a segunda e ao longo dos vindeiros meses virán mais. Finalizou a súa intervención subliñando que a celebración da Xuntanza supón apoio mutuo entre Radio Galega e a feira, un “camiño de colaboración con outras entidades a seguir que será moi positivo”.

Por outra banda Gloria Ferreiro, directora de programas da Radio Galega, destacou que a súa presenza respondía ao seu “apoio ao director da Semana Verde e a Marcial Mouzo, a alma desta festa que fan os oíntes de Pensando en Ti”, programa “rei das noites da radio”. Engadiu que “a Radio Galega está sempre coa Semana Verde, non só nesta ocasión” e expresou a súa confianza en que este ano acudirán moitos oíntes.  

O presentador do programa, Marcial Mouzo, que agradeceu a colaboración das persoas que están “detrás desta xuntanza”, incidiu en que hoxe é “un día imporante para Pensando en Ti e unha volta ás orixes”, xa que a primeira e a segunda xuntanza realizáronse no recinto. Así mesmo, fixo un percorrido pola historia desta cita, na cal chegaron a contar na primeira xuntanza celebrada en Cerceda cuns 30.000 oíntes, e  explicou que dende a organización buscaban unha solución á choiva que os acompañou en moitas edicións, dando coa clave, volver a Silleda, “pero non calquera día, senón na Semana Verde”. Mouzo tamén subliñou que este evento, que manterá a súa estrutura, aportará á feira “moitísimo público, polo que vai a ser importante para o certame”, ao tempo que considerou que esta nova localización terá para os oíntes o “aliciente da visita á Semana Verde”.

Tamén estiveron presentes no acto Javier Torres, axente de espectáculos implicado neste evento, que dixo ser xunto co director da Fundación un dos “causantes” da celebración desta cita na feira;  Miguel Cuíña, xerente da asociación de empresas de transporte de viaxeiros TraviBus Noroeste, quen explicou que este colectivo dispón de 6.000 autobuses que poden desprazar a 30.000 persoas e que se porán a disposición dos interesado de toda a xeografía galega para que podan acudir a Silleda; e Jorge Menéndez, colaborador do programa e cantante e propietario de Esencia Orquesta, a cal amenizará a Xuntanza, que dixo sentirse orgulloso de “pechar a Semana Verde poñendo música e compartíndoa cos oíntes” e que “teñen moita cousas preparadas xa” para ese día.

Pensando en Ti e a súa Xuntanza Anual

O programa Pensando en Ti, que leva en antena dende o ano 1997 de forma ininterrompida e cumpre o vindeiro ano o seu vinte aniversario, emítese de domingo a xoves das 02.00h ás 06.00h da madrugada, sendo líder de audiencia na súa franxa horaria.

En 2002 o programa recibiu o Premio ONCE-Galicia de Solidariedade en Radio, polas accións humanitarias realizadas por este espazo, mentres que en 2003 o seu presentador recibía o Galicia de Comunicación en Radio, por converter o programa nun “fenómeno social”.

A primeira xuntanza de Pensando en Ti tivo lugar o ano 2002 no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, localización que se mantivo o ano seguinte. Despois celebrouse ata o ano 2009 en Cerceda, deixando de celebrase ata o 2013, cando se volveu a retomar de novo neste concello para este ano levarse a cabo na derradeira xornada da 39ª Abanca Semana Verde de Galicia.

Este encontro de oíntes do programa é unha cita multitudinaria reúne a miles e miles de participantes de Galicia, pero tamén a un bo número de seguidores de lugares de Asturias e Castela e León que limitan con Galicia.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal