• A SÚA EXPOSICIÓN E O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES, CARACTERIZADOS POLA DIVERSIDADE E AS NOVIDADES, VOLVERÁN A CONXUGARANSE PARA REVALIDAR O ÉXITO CO QUE CONTA ESTE EVENTO EN CADA CONVOCATORIA
• PARALELAMENTE CELEBRARASE O XX SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO (SALIMAT ABANCA) E A III FEIRA DE CAZA, PESCA E NATUREZA (FECAP ABANCA)
Silleda, 16 de xullo de 2015.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 9 ao 12 de xuño de 2016 unha nova edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia, a cal constituirá a súa número 39.
Esta convocatoria volverá contra coa formulación que a ten convertido no maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, e que conxugará unha gran área expositiva con presenza dos máis variados sectores e un completo programa lúdico que incluirá tanto actividades tradicionais de gran éxito como novas propostas.
Unha atractiva combinación caracterizada pola diversidade e a incorporación de novidades en cada edición que volverá a ser a chave para que a feira Abanca Semana Verde de Galicia revalide o seu éxito e sexa de novo un espazo de referencia para o intercambio comercial e o lecer.
De forma paralela celebrarase tamén o vixésimo Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2016, co obxectivo de constituír un atractivo escaparate e unha efectiva plataforma de negocio para o sector alimentario e gastronómico. No seu programa terán novamente un papel protagonista os Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores, os cales permiten aos expositores reunirse con importadores alimentarios de numerosos países e tamén con distribuidores e hostaleiros nacionais.
Nas mesmas datas que o certame Abanca Semana Verde de Galicia terá lugar tamén a terceira edición da Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca 2016, como o único punto de encontro para empresas, profesionais e afeccionados a estas actividades existente na comunidade galega.
Edición 2015
A 38ª Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos Salimat Abanca e Fecap Abanca, que tiveron lugar do 11 ao 14 de xuño do presente ano, rexistraron unha afluencia de máis de 100.000 visitantes que acudiron para coñecer a oferta dos 500 expositores presentes na súa área expositiva e para participar nas máis de 150 actividades celebradas.